O sector da construción está tocado. A cada paso quedan menos profesionais, albaneis co bo ollo que nivel en man planeen dende abaixo a construción dunha boa casa. Nos días que corren vese de todo, preocúpame especialmente o tema das subcontratas. Ti falas con alguén de confianza para obrar na casa, esperas operarios serios e expertos e, pola contra, asistes ao desembarco de xente novata e con pouco ánimo que non ofrecen garantías. Tampouco te fíes desas compañías que fan de todo en pouco tempo, empresas especializadas en reformas integrais, que dominan todas as técnicas: carpintería, albanelería, electricidade, fontanería.... Lembra: “quen moito abarca pouco aperta”. E falaranche de xente con caché alto, deses que cobran ata por respirar, non te fíes, o caro non sempre é bo!

Afortunado aquel que bata cun bo profesional, experto, entregado e cumpridor.

O conto da construción parte dunha boa planificación, lembra que nunca se empeza a casa polo tellado. Imposible que o tellado e as paredes se sosteñan por si exentos duns cimentos que lles aporten consistencia e estabilidade. Tes algún traballo pendente? Non corras, aconséllate antes de contratar e poñerte mans ao choio.

Esta semana saín de Lugo cambiando a miña rutina, vin e escoitei cousas sabidas que caen no esquecemento e case nunca se poñen en práctica. Alí, por terras andaluzas, tratamos temas de arquitectura interior, falamos da construción dun cristián. Imprescindible poñer uns bos cimentos. Pico e pala para fender a capa superficial de pedra e chegar á terra boa do corazón. Este proceso de desmonte require o seu tempo e da colaboración de distintos especialistas. Podes atopar empresas moi demandadas ou peritos titulados que resolvan o tema nun chiscar de ollos, mais eu aconsello paciencia. As chapuzas, xa se sabe, non traen canda si nada bo.

Xesús, diría Arguiñano, cociña con fundamento: escava para afondar nas capas máis íntimas da persoa, a continuación levanta a estrutura, e remata a obra con materiais de primeira calidade, corrixindo fendas e calquera tipo de deficiencias.

Un detalle do proceso construtivo: “Xesús estendeu a man, e tocouno, dicindo: Pois quero, queda limpo. E no instante desapareceulle a lepra e quedou limpo.”

Remato cunha oración do rito de ordenación sacerdotal: “Deus, que comezou en ti a boa obra, el mesmo a leve a cabo.”

Amén.

A igrexa de Santiago de Saamasas estase poñendo coqueta. Nos últimos tempos acometeuse unha reforma considerable: restauración de retablos, pintura exterior e interior, arranxo do piso do presbiterio, acicalado das zonas axardinadas e, limpeza en xeral. Quedan algúns flocos que, coa axuda de Deus, remataremos máis cedo que tarde. No transcorrer dos días e das obras percibo un ambiente agradable de bondade e compromiso. Un aire de harmonía leva o ritmo das obras, e vanse orquestrando todo tipo de colaboracións. Un matrimonio, rematada a súa xornada laboral, púxose a solucionar cantos imprevistos apareceron, e así levan moitas semanas. Houbo quen, aspiradora en man, lustrou bancos, paredes e piso. E outras persoas poñendo o seu gran de area van completando esta fermosa composición. Dun día para outro, milagrosamente, a igrexa vai renovando a súa imaxe.

Saíu Xesús da sinagoga.

Camiñaba acompañado dos apóstolos.

Na casa de Pedro visita e sanda á sogra de Pedro.

Xanta e sanda aos enfermos.

De sol posto acolle e atende á xente da vila que se amorea na porta.

Moi cedo fai oración.

Programa visitar outras aldeas....

Un non parar! Non se cansa o Señor de facer o ben. El amosa a presenza do Reino nas cousas pequenas que vos estou a contar, nese arrimar o ombreiro e coidar os bens que se nos encomendou custodiar.

Dou grazas por tanta bondade da que non dou fuxido. Sería un pecado non recoñecerte, a Ti, na xenerosidade dos que fan sen esperar nada a cambio. Hoxe esperto coa sensación de que andas cerca, traballando a reo para contaxiar amor e así estender o teu Reino. Dáme chispa para non sentarme de brazos cruzados. Eu quero, Señor, acompañarte e levar a túa mensaxe a outras aldeas.

É o Señor que pasa!

 

Días atrás chegounos a noticia dun neno francés que abandonado polos seus proxenitores subsistiu en soidade durante dous longos anos. O raparigo de nove anos mantivo as rutinas de horarios, comidas, hixiene, colexio... Disque sen calefacción e electricidade, e alimentándose a base de conservas acompañadas de saborosos tomates roubados. De dominio público os problemas daquela familia, mais ninguén da veciñanza se atreveu a dar a voz de alarma, finalmente alguén puxo o caso nas mans das autoridades. Os servicios socias buscaron acougo para este menor no seo do que será a súa nova familia de acollida. Interviñeron psicólogos que con moita pericia salientaron a grande autonomía, resiliencia e madurez deste francesiño. Para min a excepción que confirma a regra, do contrario concluiriamos que o papel dos adultos é prescindible.

Os cativos dependen dos maiores, e os maiores proveen de todo canto necesitan e coidan aos cativos. Existe unha relación umbilical entre adultos e pequenos necesaria para ben vivir. Puro instinto aquel de protexer a vida que foi concibida e, pura correspondencia recoñecerlle autoridade as persoas que che deron a vida e velaron por ti. Eu vexo o fundamento da autoridade nas relacións interpersoais asumidas dende o afecto e a axuda mutua.

“Naquel tempo, viñeron a Cafarnaún e, ao chegar o sábado, Xesús púxose a ensinar na sinagoga. Todos estaban abraiados da súa doutrina, pois ensinaba coma quen ten autoridade, non coma os letrados”.

De onde lle ven a Xesús a autoridade? O Neno sentiuse protexido e amado, medrou a carón da nai e do pai, e descubriu o poder do amor. O adulto ten autoridade cando pon en xogo a súa credibilidade e intenta acomodar os feitos aos ditos. Naquel de Nazaret asomaba a forza do Espírito de Deus, que non pretende recoñecementos e distincións, senón que pasa polo mundo servindo e amando.

O abandono deste neno francés descobre as carencias de afecto que se dan na sociedade. Apunto no meu caderno: Deus non abandona aos seus fillos, mira por cada un deles e, acompaña e cura o corazón ferido dos descartados e abandonados. Ríndome ante a autoridade divina.

“Que é isto? Unha nova doutrina, e con autoridade... E a súa sona espallouse decontado por toda a rexión de Galilea”.

Feliz Domingo.

Descoñecemento, desconfianza e odio. O ser humano é quen do mellor e do peor. Disque é marabilloso cando del afloran sentimentos de bondade e accións fermosas en prol do colectivo comunitario, á par, cruel e malvado cando sementa a mans cheas ruindade. Un conto da tradición dos indios americanos, cherokees, explica que no interior da persoa conviven en loita continua un lobo negro e outro branco. O lobo negro é rabioso e incita ao mal, o lobo branco é pacífico e procura o ben. Nas nosas mans alimentar e “empoderar” a un dos lobos.

Día tras día, en torno a cuestións de índole diversa e relativa transcendencia, topamos lecturas e interpretacións contrapostas. De cote, valoramos a realidade e os sucesos segundo os nosos criterios e apreciacións, xerando, xa que logo, unha tendencia ou opinión. Axúdanos a reflexionar a confrontación de posturas. E, as veces, insistimos e defendemos en exceso a nosa versión, ignorando o perigo de deixarse dominar pola paixón que leva a obcecación. Ramón de Campoamor compuxo estes versos:

"Y es que en el mundo traidor

nada hay verdad ni mentira:

todo es según el color

del cristal con que se mira"

Amigos, xa que ninguén posúe a verdade absoluta moderemos os nosos xuízos, respectando e adoitando unha actitude amable e discreta ante todo aquel que pensa diferente.

"Os letrados que baixaran de Xerusalén, dicían: ten dentro a Belcebú, bota fóra os demoños co poder do príncipe dos demoños"

Sospeito que os ouveos daqueles sabios xudeus proviñan de alimentares  ao lobo equivocado. Os ollos ensanguentados dos letrados miraban a Xesús dende o prisma dos seus intereses, faltando claramente á verdade.

Aló polas terras de Palestina cometeron un crime cando liquidaron ao bo de Xesús. Os responsables do deicidio, logo de inocular na sociedade aquel veleno de "en terra de lobos ouvear coma todos", consumaron unha barbarie histórica. Cousas do demo. Leccións de vida.

Feliz semana, irmáns!

Ese instante de silencio, previo ao pertinente e protocolario saúdo, basta para constatar que non deberas descolgar o teléfono. Antes da prohibición das “chamadas non solicitadas”, tamén denominadas "spam", os números que saían na pantalla do móbil alertaban, pola súa rareza, do contido indesexable da comunicación. Resultaba doado identificalos e, móbil en man, tiñas dúas opcións: colgar, ou esperar paciente a que desistiran do seu empeño. Agora complicouse este traballo de discernimento, xa que as chamadas spam, inoportunas e molestas, aseméllanse cada vez máis a unha chamada convencional. E, falo por min, que xa caín na trampa varias veces.

Si, dígame!

0'1 segundos - 0'2 segundos - 0'3 segundos... merda!

Que che queda? Buscar unha resposta crible para cortar amablemente a comunicación evitando os malos modos ou, finxir unha interferencia por escasa cobertura.

Un tal Bernardino sempre contestaba ao teléfono e, de tratarse dunha chamada spam, transcorridos uns segundos, facíase co control da conversación. Batuta en man, e con moita habilidade, provocaba un xiro de guión enredando cun repertorio variado de temas escolleitos en función do interlocutor: idade, cociña, tarefas da casa, flores, fillos, romances, etc. Resposta “spam-tada” para unha chamada non solicitada.

Chamadas non desexadas recibímolas a miúdo e a calquera hora provocando nos destinatarios fastío e cansazo. Todas estas conexións telefónicas teñen como propósito facer negocio. Quen máis quen menos actúa con precaución ante o risco de posibles estafas. Eu xestiono estes números aplicando a técnica do bloqueo, número que abelloa número bloqueado. Así descanso tranquilo.

Teño oído que as leis prohiben que as empresas fagan chamadas spam con finalidade comercial, salvo expresa autorización e consentimento do propio usuario. Lei aparte, as chamadas flúen e seguen entrando tanto á hora da sesta como en horas de traballo. Lembrade: quen fai a lei, fai a trampa!

"Un pouco máis adiante viu a Santiago, o fillo de Zebedeo, e mais a Xoán, seu irmán, tamén eles estaban na barca arranxando as redes. E deseguida os chamou."

Ese Xesús ao principio chamaba de seguido, que pasa que nestes tempos non mantén o ritmo? Teño serias dúbidas que as súas chamadas se desboten considerándoas spam. Quizabes, Xesús, como fundador dunha empresa teña en conta a actual normativa e prescinda dese tipo de chamadas directas.

Ollo, El chama a quen quere e cando quere.

Mantén o móbil prendido, non vaia ser o demo! E, xa sabes, de entrarche a súa chamada non bloquees o número.

Si, dígame!