Ese instante de silencio, previo ao pertinente e protocolario saúdo, basta para constatar que non deberas descolgar o teléfono. Antes da prohibición das “chamadas non solicitadas”, tamén denominadas "spam", os números que saían na pantalla do móbil alertaban, pola súa rareza, do contido indesexable da comunicación. Resultaba doado identificalos e, móbil en man, tiñas dúas opcións: colgar, ou esperar paciente a que desistiran do seu empeño. Agora complicouse este traballo de discernimento, xa que as chamadas spam, inoportunas e molestas, aseméllanse cada vez máis a unha chamada convencional. E, falo por min, que xa caín na trampa varias veces.

Si, dígame!

0'1 segundos - 0'2 segundos - 0'3 segundos... merda!

Que che queda? Buscar unha resposta crible para cortar amablemente a comunicación evitando os malos modos ou, finxir unha interferencia por escasa cobertura.

Un tal Bernardino sempre contestaba ao teléfono e, de tratarse dunha chamada spam, transcorridos uns segundos, facíase co control da conversación. Batuta en man, e con moita habilidade, provocaba un xiro de guión enredando cun repertorio variado de temas escolleitos en función do interlocutor: idade, cociña, tarefas da casa, flores, fillos, romances, etc. Resposta “spam-tada” para unha chamada non solicitada.

Chamadas non desexadas recibímolas a miúdo e a calquera hora provocando nos destinatarios fastío e cansazo. Todas estas conexións telefónicas teñen como propósito facer negocio. Quen máis quen menos actúa con precaución ante o risco de posibles estafas. Eu xestiono estes números aplicando a técnica do bloqueo, número que abelloa número bloqueado. Así descanso tranquilo.

Teño oído que as leis prohiben que as empresas fagan chamadas spam con finalidade comercial, salvo expresa autorización e consentimento do propio usuario. Lei aparte, as chamadas flúen e seguen entrando tanto á hora da sesta como en horas de traballo. Lembrade: quen fai a lei, fai a trampa!

"Un pouco máis adiante viu a Santiago, o fillo de Zebedeo, e mais a Xoán, seu irmán, tamén eles estaban na barca arranxando as redes. E deseguida os chamou."

Ese Xesús ao principio chamaba de seguido, que pasa que nestes tempos non mantén o ritmo? Teño serias dúbidas que as súas chamadas se desboten considerándoas spam. Quizabes, Xesús, como fundador dunha empresa teña en conta a actual normativa e prescinda dese tipo de chamadas directas.

Ollo, El chama a quen quere e cando quere.

Mantén o móbil prendido, non vaia ser o demo! E, xa sabes, de entrarche a súa chamada non bloquees o número.

Si, dígame!

 

Pin It