- Detalles
- Visto: 516
ARRASTRO!
Pertenzo a unha familia afeccionada aos xogos de cartas: brisca, tute, subastado, escoba, burro, solitario, etc. A avoa paterna pracíalle botar unha partida ás cartas a calquera hora. Baralla en man esbozaba un sorriso pícaro de gran xogadora de naipes. Timbas entre familia e amigos nas que matar o tres desencadeaba unha algarabía propia desas manifestacións na rúa acompasadas a ritmo de testos e cazolas. Lembro longas e competidas partidas ao tute con sabor a vitoria, e tamén recoñezo que algunha vez “fun a Noia”. As cartas son caprichosas. Unhas veces, comeza o xogo e non apañas máis cas feas, disque: “pintan bastos”. Outras, levantas trunfos e cantas as corenta e vinte, e dis: “hai que limpar cando vai aire”. Invernos temperados barallando e arrimándolle leña á cociña. Que recordos! Que ben o temos pasado!
Coñezo xente que controla todas as cartas que van saíndo e que adiviñan as que leva o rival. Confeso que non son xogador profesional de campionatos, aspiro a “xogantín” que se divirte provocando ao contrario. Mesturo oficio e instinto, e arrisco na procura da xogada mestra. Arrastro!
- Un home barallou e repartiu cartas. A un deulle cinco trunfos e dúas briscas, a outro tres triunfos e vinte en copas, e a outro un trunfo pequeno. E comezou o xogo.
Rematada a partida contaron as cartas: "Señor, velaquí o que gañei". “Señor, aquí está o que fixen coas miñas vinte en copas”
Díxolles o seu amo: "Moi ben xogado... Pasade a gozar da festa do voso amo”.
Tamén contou as cartas o que recibira un trunfo pequeno, e dixo: "Señor, déchesme un xogo ruín e collín medo, eu non sabía como xogar, asistín sempre ao pau e gardei o furricallo ata o final". O amo anoxouse e botouno fora da mesa, como se di na xerga tabernaria: "cantoulle as corenta, ben cantadas".
A todos nos entregaron unhas cartas, uns bens, non por igual pero conforme a nosa capacidade, para aproveitalos e rendelos. O segredo non está en desenvolver un xogo de precisión, mais cómpre arriscar e, cando menos, aproveitar todos os tantos.
Xogar na procura dun golpe de sorte que cambie o rumbo da vida. Xogar para gañar. Xogar para tocar o ceo.
Sei fixo que Deus recibe aos xogadores coa baralla na man para xogar ao quente detrás da cociña.
Unha partida?
Fdo.: Un xogantín empedernido de Santo Antonio.

- Detalles
- Visto: 490
Dispáranse os prezos, e a cesta da compra ponse polas nubes. Acusamos a suba dalgúns produtos esenciais que non poden faltar nas nosas despensas, sexa, o aceite. O primeiro en dar o susto foi o aceite de xirasol, e agora aterrorízanos o afamado aceite de oliva. Prezos que rompen a barreira do mileurismo, situando este alimento no selecto grupo das delicatesen. Aceite virxe extra con denominación de orixe de Xaén? Esposado e detrás do cristal, confinado a espera dun rescate ao alcance de moi poucos petos. Aceite para fritir unhas pataquiñas da horta, amañar unha ensalada, mesmo para lograr un bo guiso. Non hai casa, cociña e cociñeiro respectables sen reposto de aceite no chineiro. Aceite, “ouro líquido”, para satisfacer os padais máis esixentes e refinados.
E subiu todo! Disque o encarecemento da vida é cousa da inflación.
Unhas mulleres atoladas caeron nun sono profundo, e cando repararon na falta de aceite xa se lles fixera tarde. Nenas, quedámonos a dúas velas!
Por favor, facede provisión de aceite, e mercade:
- Óleo da ledicia sen fin.
- Óleo que nutre, condimenta e da sabor á vida.
- Óleo que troca en ouro líquido nos sacramentos, enriquecendo o interior de quen os toma.
- Óleo antigo e testemuña fiel dunha historia de amor.
- Óleo das oliveiras do Monte das Bágoas, daquel lugar de dor que tanto zume de graza e consolo produciu.
- O líquido denso e definido, que contén en si mesmo o espírito que estimula e da valor ante o perigo.
- Óleo medicinal, aromático, conservante, suavizante...
As mozas asisadas recibiron ao esposo e entraron na sala do banquete, as atoladas ficaron compostas e sen mozo!
Boa e proveitosa degustación dominical.

- Detalles
- Visto: 457
Fillo desta terra.
Coñece a Xesús.
Fala do Amor.
Intenta sorrir.
Sofre e entende a soidade.
Coida a igrexa da parroquia.
Acompaña en momentos importantes da vida.
Motiva a oración.
Organiza e mantén a atención aos pobres.
Prepara a catequese para celebrar os sacramentos.
Consola e vela cos que sofren a morte dun ser querido.
Busca respostas que outros non teñen.
Cre nun ideal.
Antepón o alleo ao persoal.
Non repara en estender a xornada laboral.
Insiste en descubrir unha realidade que a maioría non ve.
Convidado preferente nos choros, i esquecido ou relegado á hora da esmorga.
As veces incomprendido cando non desprezado.
Soña coas causas e cousas do Reino.
...
Que fagamos o imposible para que falen as nosas accións.
Ante quen di e non fai, política de feitos consumados.
Feliz Domingo!

- Detalles
- Visto: 491
Á mestra da escola de Barazón, Deus a teña no ceo, puña unha hora semanal de lectura comprensiva. Libros gordos coma "O Quixote" ou unha escolma de relatos de exaltación do espírito patrio e cristián -sirva de exemplo a crónica da Reconquista contida no libro “Historia de España”- pasaban de man en man naquelas tardes dos venres que sempre remataban co santo rosario. Aposto mil pesos (“me caxxx en La Coruña”) a que os meus veciños e compañeiros de pupitre, privilexiados e excelentes alumnos da escola de Barazón, lembran a data desta batalla: Navas de Tolosa. ("Caramba, los niños de la escuela de Barazón si que chutan!") jajaja...
E un bo día, previo adestramento, recibiamos a visita do Inspector. Erguidos e tesos como varas dabamos os "buenos días tenga usted, señor inspector" e os máis sobresaíntes do grupo expoñían traballos e coñecementos.
O sistema educativo no que medramos os da xeración X disciplinounos e incrustou na nosa cachola a tecnoloxía das boas formas e da memorización.
Os inspectores xudeus moi afeccionados ao xogo de preguntas e respostas tentan comprometer a Xesús: cal é na Lei o gran mandamento?
(Agora estádeme moi atentos, reparade:
-Resposta sinxela
-Non se esquece
-Faise vida
-Directa ao corazón e a alma)
Alumnos de Medio Oriente, Europe, EEUU, Emirates e da China comunista terían que volver á escola unitaria de Barazón e levar varios reglazos nos dedos, ou daqueles cachetes preventivos e tonificantes que baixaban os fumes.
Meu Deus, que axiña esquecemos a túa ensinanza!
Deixo deberes. Toca repasar a lección:
"Un doutor da lei, preguntoulle para poñelo a proba:
- Mestre, cal é na Lei o gran mandamento?
El respondeulle:
- Amarás o Señor, teu Deus, con todo o teu corazón e con toda a túa alma e con todo o teu entendemento; este é o mandamento grande e primeiro. O segundo é semellante a el: Amarás o teu próximo coma a ti mesmo. Destes dous mandamentos dependen a Lei enteira e mais os profetas."
Paz para os pobos e para as súas xentes.
PALABRA DE DEUS

- Detalles
- Visto: 515
"La pela es la pela" refrán popular que fai pensar na presión exercida polo puño pechado ao apertar axitado e suorento os cartiños nunha manobra descarada de retención e aforro, é dicir, apertar para non soltar. Aplícase tradicionalmente aos cataláns e eu fágoa extensible aos rañicas, agarrados, amarrados e demais peregrinos devotos do santuario daquela Virxe que todos coñecedes.
Teño un vello amigo ao que lle gustaba pagar arrincando do seu peto un exemplar de 10.000 ptas. da desaparecida especie monetaria. Un pedazo de billete que guindaba con desprezo e soltura no mostrador da cafetería para convidar ao café, ao tempo que anunciaba: "cóbrame que non teño máis pequeno", e outras veces dicía: "se fora no oeste xa estabas morto" referíndose á lentitude dalgúns vaqueiros á hora de sacar a carteira. Ocorrencias das súas, e cónstame que a fonte da inspiración segue manando parvadas sarcásticas e divertidas.
Na época na que viviu Xesús tamén manexaban "pesetas". De feito unha vez sacaron do peto unha moeda e preguntáronlle se había que pagar impostos ou non. A moeda era un denario. A reacción e reposta de Xesús, sabia e enxeñosa: de quen é esta cara? Pois, ao Cesar o que é do Cesar e a Deus o que é de Deus.
Non busquedes a faciana de Deus nos cartiños, aí non está!
Reflicte o rostro de Xesús canto dicimos e facemos na igrexa? Vaqueiros rápidos desenfundando ou covardes aos que lles tremelican as pernas?
Queira Deus que o valor da igrexa non sexan os cartos e si manifestar o rostro de Xesús.

Página 6 de 24