Días atrás chegounos a noticia dun neno francés que abandonado polos seus proxenitores subsistiu en soidade durante dous longos anos. O raparigo de nove anos mantivo as rutinas de horarios, comidas, hixiene, colexio... Disque sen calefacción e electricidade, e alimentándose a base de conservas acompañadas de saborosos tomates roubados. De dominio público os problemas daquela familia, mais ninguén da veciñanza se atreveu a dar a voz de alarma, finalmente alguén puxo o caso nas mans das autoridades. Os servicios socias buscaron acougo para este menor no seo do que será a súa nova familia de acollida. Interviñeron psicólogos que con moita pericia salientaron a grande autonomía, resiliencia e madurez deste francesiño. Para min a excepción que confirma a regra, do contrario concluiriamos que o papel dos adultos é prescindible.
Os cativos dependen dos maiores, e os maiores proveen de todo canto necesitan e coidan aos cativos. Existe unha relación umbilical entre adultos e pequenos necesaria para ben vivir. Puro instinto aquel de protexer a vida que foi concibida e, pura correspondencia recoñecerlle autoridade as persoas que che deron a vida e velaron por ti. Eu vexo o fundamento da autoridade nas relacións interpersoais asumidas dende o afecto e a axuda mutua.
“Naquel tempo, viñeron a Cafarnaún e, ao chegar o sábado, Xesús púxose a ensinar na sinagoga. Todos estaban abraiados da súa doutrina, pois ensinaba coma quen ten autoridade, non coma os letrados”.
De onde lle ven a Xesús a autoridade? O Neno sentiuse protexido e amado, medrou a carón da nai e do pai, e descubriu o poder do amor. O adulto ten autoridade cando pon en xogo a súa credibilidade e intenta acomodar os feitos aos ditos. Naquel de Nazaret asomaba a forza do Espírito de Deus, que non pretende recoñecementos e distincións, senón que pasa polo mundo servindo e amando.
O abandono deste neno francés descobre as carencias de afecto que se dan na sociedade. Apunto no meu caderno: Deus non abandona aos seus fillos, mira por cada un deles e, acompaña e cura o corazón ferido dos descartados e abandonados. Ríndome ante a autoridade divina.
“Que é isto? Unha nova doutrina, e con autoridade... E a súa sona espallouse decontado por toda a rexión de Galilea”.
Feliz Domingo.

