Publicouse en Francia un libro titulado así: «Dios. La ciencia. Las pruebas. El albor de una revolución». Esta publicación creou certa controversia, pois os autores concluían a existencia de Deus por medio de probas científicas.
Unha recomendación aos científicos: remexan a conciencia as probetas e tubos de ensaio, repitan os experimentos e procedan con xeito, analizando con calma as posibles reaccións e efectos secundarios dos seus estudos. Un auténtico milagre ese principio, fórmula, método ou sistema empregado! Igual os camiños que conducen a Roma van máis aló e levan a Deus. Estou por dicir que Deus é cousa da ciencia!
Agradecido á ciencia polos servicios prestados, mais eu, no tocante a este punto, non preciso axuda. Persoalmente para descubrir a Deus recomendo estes pasos:
achegarse + observar + sentir + pensar
Porque no terreo da fe dependemos das experiencias persoais de encontro, de amizade.
Un posible exemplo/práctica a modo experimental.
- Título do estudo: Pesquisas sobre Deus.
- Investigador escéptico: Natanael
- Obxecto de estudo: Xesús
-Natanael (pregunta de partida): -E de que me coñeces?
-Xesús (resposta acaída): -Antes de que ninguén che falase de min, xa eu te vira, cando estabas debaixo da figueira.
-Natanael (confirmación dunha hipótese): -Rabbí, ti e-lo Fillo de Deus, ti e-lo rei de Israel.
-Xesús (feitos probados): -Porque che dixen que te vin debaixo da figueira, xa cres? Pois cousas máis grandes has ver.
A única vía que abre mente e o corazón para lograr o coñecemento de Deus pasa por cruzar ao outro lado, é dicir, baixar do pedestal da superioridade científica para superar prexuízos e sospeitas. Só así chegarás a coñecer e a confesar ao Deus Salvador.
Agardando a ver cousas máis grandes: boa noite.

