Aquel día había xuntanza no pobo, na rúa amontoábanse os mozos sempre inquedos e a espreita, na procura de liderado e cambios. As ilusións de sempre prestando atención a quen aconsella.

Estendeu o brazo marcando unha dirección e as miradas ficaron na figura dun descoñecido. Nervios, emoción e unha dose de risco empurraban os pasos dos curiosos, iso si, achegábanse con sixilo e aos poucos.

- Que buscades?

Esta foi a primeira chamada. Os mozos detivéronse un instante cavilando unha resposta, buscaban o xeito de agradar e así entrar a intimar.

- Onde vives?

Ao redor das 4 do serán abrían as portas da casa do mestre da hospitalidade.

Dentro, os corazóns sedentos tomaban longos tragos de vida, e as mudas paredes escoitaron verbas inesquecibles. Aquela tarde endexamais rematou, e os atufados mozos saíron, entusiasmados e correndo, para achegar á familia e aos coñecidos a nova inesquecible: atopámolo, chámase Xesús!

- E ti, que buscas?

As portas da casa seguen abertas.

Como saber se vostede está bautizado ou bautizada.

  1. Teña sempre en conta o testemuño de pais e padriños, así como doutros membros da familia. Posiblemente se na casa se bautizaron todos é moi probable que vostede tamén estea bautizado/a. A familia, ata agora, adoitaba conservar e cumprir con tradicións e outros costumes que van pasando dunhas xeracións a outras. Nalgún momento lle dirían: cando eras un “morico” bautizámoste nesta igrexa e, ao remate, comemos todos xuntos no Restaurante "A Caseta". Un exemplo.
  2. Repase as fotografías da casa. É habitual que en eventos e festas salientables se chisquen fotos. Antes en álbum de papel, hoxe en arquivos dixitais, todas válidas para inmortalizar un feito especial máis ou menos importante na vida. Dependendo da súa idade vostede contará, ou non, con recordos gardados en papel ou na nube.
  3. Pregunte na súa igrexa pola certificación bautismal. Este documento expídese na parroquia onde se celebrou o bautismo, alí no seu día levantaron acta do acontecido. Ollo, este papeliño para moitos trámites é indispensable. Algunhas familias tamén anotan a data do bautismo nun libriño "A miña vida cristiá" nel queda constancia de nova tan feliz. Se vostede logra contactar co encargado do arquivo parroquial non dubide solicitar a súa partida bautismal.
  4. Reflexione sobre a súa vida, porque cristián chámaselle a aquela persoa que recoñece a Xesús como Señor e Mestre, e trata de imitalo na súas opcións que comprometen obras e palabras.

Que como vai a cousa? O de ser cristián é un "títolo" ou un principio teórico empiricamente demostrable? Un profesor de grego do Seminario Conciliar de Lugo comentándolle a meus pais as notas obtidas, logo de constatar que o alumno Alberte vivía de rendas, sentenciou: "Onde falan letras calan barbas". No día do Bautismo do Señor, reflexionando sobre o número de bautizados, penso que estamos en época de moitas barbas e poucas letras.

Escoitei que os cristiáns parecen empregados "fixos descontinuos", que computan como empregados a pesares de currar apenas uns mesiños anuais.

En fin, menos latricar e máis sachar! Lisco.

Boa semana e, benvido tempo ordinario!

Limpa a lente, elixe un obxectivo, colócate en posición, mantén firme a cámara, enfoca e dispara. Isto vai de mirar o mundo a través da lente e inmortalizar ese momento especial e único que fala do Nadal. Saca para fóra ese fotógrafo que levas dentro e ponte a chiscar fotos.

Con que foto deste Nadal te quedas?  

Eu doulle voltas ao conto, rebusco nas fotos do móbil, e fago a miña selección. Na galería teño algunhas doutros anos, tamén de estampas familiares, paisaxes idílicos, de viaxes, fotos de noticias de actualidade, mesmo imaxes dramáticas. Paso pola sección de fotos recibidas de amigos, atopo fotos tipo felicitación salpicadas de notas musicais, selfis, algunha surrealista...

Vou seleccionar a miña instantánea, quero recoller e perpetuar o vivido, retratar a esencia deste Nadal 2023. Comezo: Esta non! Meu Deus, que caras! Estoutra saíu borrosa. Non lembro onde chisquei aquelas tan chulas. Teño as da casa, coa familia. Aquí saio coa xente do traballo cantando unha panxoliña despois da cea de Nadal. A faciana do pequeno abrindo os agasallos. Ja ja ja esta é de risa, desbotada!

Diante dos meus ollos desfilan imaxes a cachón e non sei cal elixir. Tes que desculparme, neste asunto non podo axudarche, éche cousa de cada un.

Dime, que foto elixes ti?

Grazas.

Publicouse en Francia un libro titulado así: «Dios. La ciencia. Las pruebas. El albor de una revolución». Esta publicación creou certa controversia, pois os autores concluían a existencia de Deus por medio de probas científicas.

Unha recomendación aos científicos: remexan a conciencia as probetas e tubos de ensaio, repitan os experimentos e procedan con xeito, analizando con calma as posibles reaccións e efectos secundarios dos seus estudos. Un auténtico milagre ese principio, fórmula, método ou sistema empregado! Igual os camiños que conducen a Roma van máis aló e levan a Deus. Estou por dicir que Deus é cousa da ciencia!

Agradecido á ciencia polos servicios prestados, mais eu, no tocante a este punto, non preciso axuda. Persoalmente para descubrir a Deus recomendo estes pasos:

achegarse + observar + sentir + pensar

Porque no terreo da fe dependemos das experiencias persoais de encontro, de amizade.

Un posible exemplo/práctica a modo experimental.

  • Título do estudo: Pesquisas sobre Deus.
  • Investigador escéptico: Natanael
  • Obxecto de estudo: Xesús

-Natanael (pregunta de partida): -E de que me coñeces?

-Xesús (resposta acaída): -Antes de que ninguén che falase de min, xa eu te vira, cando estabas debaixo da figueira.

-Natanael (confirmación dunha hipótese): -Rabbí, ti e-lo Fillo de Deus, ti e-lo rei de Israel.

-Xesús (feitos probados): -Porque che dixen que te vin debaixo da figueira, xa cres? Pois cousas máis grandes has ver.

A única vía que abre mente e o corazón para lograr o coñecemento de Deus pasa por cruzar ao outro lado, é dicir, baixar do pedestal da superioridade científica para superar prexuízos e sospeitas. Só así chegarás a coñecer e a confesar ao Deus Salvador.   

Agardando a ver cousas máis grandes: boa noite.

 

A súa voz inconfundible traía amenceres soñados estampados de flores. Unha escaleira salvaba a distancia entre a noite e o día, entre a decepción e a sorpresa, entre a apatía e a alegría.

Sinto pasos. Achégase. Incorpórome expectante. Pecho os ollos. Soño.

Canda ela, asomaba unha primavera fresca e creativa, de coleta e calzada de branco. Que intenso e agradable aquel recendo a sol e a río!

Anhelo os espertares de neno que se completaban cun mimo sonoro de bicos, risas e aloumiños.

Miña Nai! Ante a súa presencia o corazón ensanchábase e brincaba repleto de vida e de emoción.

Ela, María, desbordada por tanto amor, recollía e gardaba todas esas cousas dentro do seu mundo interior.

Ela meteume no peto para ti esta bendición: Que a luz do amencer te sorprenda e inunde a túa casa de ilusión e de amor. Que cada día abras os ollos coma un neno, e rías, ames e xogues. Que o alento da fe mova o teu espírito e co próximo teñas compaixón.

Feliz Aninovo!