Como saber se vostede está bautizado ou bautizada.
- Teña sempre en conta o testemuño de pais e padriños, así como doutros membros da familia. Posiblemente se na casa se bautizaron todos é moi probable que vostede tamén estea bautizado/a. A familia, ata agora, adoitaba conservar e cumprir con tradicións e outros costumes que van pasando dunhas xeracións a outras. Nalgún momento lle dirían: cando eras un “morico” bautizámoste nesta igrexa e, ao remate, comemos todos xuntos no Restaurante "A Caseta". Un exemplo.
- Repase as fotografías da casa. É habitual que en eventos e festas salientables se chisquen fotos. Antes en álbum de papel, hoxe en arquivos dixitais, todas válidas para inmortalizar un feito especial máis ou menos importante na vida. Dependendo da súa idade vostede contará, ou non, con recordos gardados en papel ou na nube.
- Pregunte na súa igrexa pola certificación bautismal. Este documento expídese na parroquia onde se celebrou o bautismo, alí no seu día levantaron acta do acontecido. Ollo, este papeliño para moitos trámites é indispensable. Algunhas familias tamén anotan a data do bautismo nun libriño "A miña vida cristiá" nel queda constancia de nova tan feliz. Se vostede logra contactar co encargado do arquivo parroquial non dubide solicitar a súa partida bautismal.
- Reflexione sobre a súa vida, porque cristián chámaselle a aquela persoa que recoñece a Xesús como Señor e Mestre, e trata de imitalo na súas opcións que comprometen obras e palabras.
Que como vai a cousa? O de ser cristián é un "títolo" ou un principio teórico empiricamente demostrable? Un profesor de grego do Seminario Conciliar de Lugo comentándolle a meus pais as notas obtidas, logo de constatar que o alumno Alberte vivía de rendas, sentenciou: "Onde falan letras calan barbas". No día do Bautismo do Señor, reflexionando sobre o número de bautizados, penso que estamos en época de moitas barbas e poucas letras.
Escoitei que os cristiáns parecen empregados "fixos descontinuos", que computan como empregados a pesares de currar apenas uns mesiños anuais.
En fin, menos latricar e máis sachar! Lisco.
Boa semana e, benvido tempo ordinario!

