Limpa a lente, elixe un obxectivo, colócate en posición, mantén firme a cámara, enfoca e dispara. Isto vai de mirar o mundo a través da lente e inmortalizar ese momento especial e único que fala do Nadal. Saca para fóra ese fotógrafo que levas dentro e ponte a chiscar fotos.
Con que foto deste Nadal te quedas?
Eu doulle voltas ao conto, rebusco nas fotos do móbil, e fago a miña selección. Na galería teño algunhas doutros anos, tamén de estampas familiares, paisaxes idílicos, de viaxes, fotos de noticias de actualidade, mesmo imaxes dramáticas. Paso pola sección de fotos recibidas de amigos, atopo fotos tipo felicitación salpicadas de notas musicais, selfis, algunha surrealista...
Vou seleccionar a miña instantánea, quero recoller e perpetuar o vivido, retratar a esencia deste Nadal 2023. Comezo: Esta non! Meu Deus, que caras! Estoutra saíu borrosa. Non lembro onde chisquei aquelas tan chulas. Teño as da casa, coa familia. Aquí saio coa xente do traballo cantando unha panxoliña despois da cea de Nadal. A faciana do pequeno abrindo os agasallos. Ja ja ja esta é de risa, desbotada!
Diante dos meus ollos desfilan imaxes a cachón e non sei cal elixir. Tes que desculparme, neste asunto non podo axudarche, éche cousa de cada un.
Dime, que foto elixes ti?
Grazas.

