- Detalles
- Visto: 295
O termo familia forma parte desas palabras sagradas que espertan nas persoas sentimentos de tenrura e devoción. Estamos ante unha palabra máxica ao xeito de abracadabra que, ao pronunciala amodiño e facendo un esforzo de concentración, fará aparecer, ipso facto, unha conexión entre ti e a túa propia familia . Non se precisan toques de variña máxica, sen previo aviso, montarás no maquinolo teletransportador para viaxar ata aquela sensación na que te sentiches familia. Et voilà!
A correcta pronuncia do son "familia" comeza abrindo moito o corazón, para facer efectiva a comunicación, sen esquecerse de por o acento nas sílabas afectivas.
Nos tempos modernos a sintaxe concede certas licencias na construción de oracións. Arestora, o uso da palabra "familia" tanto pode funcionar de suxeito como de predicado, sen concordancia en xénero e número. Amais, o campo semántico de familia ampliouse incorporando novas palabras, ás tradicionais de: irmán/á, pai, nai, fillo/a, avó/a, neto/a, cuñado/a etc. haberá que engadir: proxenitor 1/2, fille, bi, mono, hetero, homo, deconstruida, ensamblada, mascota, árbore, etc.
Se falamos de cambios temos que referirnos as matemáticas. Terma do cubata! Antes dous máis dous sempre daba catro, agora pode saírche un tres ou un cinco. Matemáticas versátiles que darán por correctos os dez ou once resultados obtidos para a ecuación familia. En conclusión: eu tomo viño, outros viño con gasosa, na mesa hai gasosa, entón a familia pode ser caseira ou revoltosa. Socorro!
Todo comeza na familia. O Neno Xesús é froito do amor de María e Xosé. Home e muller desposados, é dicir, unidos como familia. Nazaret recrea unha condición imprescindible para todo ser vivinte: ser parte dunha familia. Xesús apareceu no seo dunha familia pobre e humilde, naceu e viviu en familia, medrou identificado cunha casa, implicado afectivamente e disposto a entregarse polos seus. Un máis dentro da pequena unidade familiar. Unha criatura que se desvela, chora, e ri satisfeito. Un meniño que comparte e agradece o froito de cada día. Unha persoa en expansión que mantén firmes e apertados os lazos familiares.
"Xesús medraba en sabedoría, en idade e en gracia diante de Deus e mais dos homes".
Subliño a repercusión dun ambiente saudable e equilibrado, onde cada membro da familia cumpra co seu rol, para a ben crianza dos nenos. Descoñezo o namoramento de María e Xosé, a historia sagrada dinos que estaban prometidos, son quen de sobreentender e intuír que arrouparon e mimaron ao seu Neno, amosándolle as cousas importantes a respectar na casa. De tal xeito medrou Aquel que se converteu en guía e salvador da gran familia humana.
I love my family!

- Detalles
- Visto: 353
Daqueles tempos de antes gardo recordos en relación ao calzado. Comparto.
Podo presumir que gastei un par de zocos feitos por Alfredo "O Zapateiro de Chorén”. Uns zocos reforzados con goma de roda de coche en punteira e sola. A sensación no pé era de certa rixidez. Madía leva! xa que para a súa fabricación empregárase coiro curtido e madeira, en empeña e sola respectivamente. Coñecín á señora Dolores, unha veciña pequeneira, disposta e espelida que viviu ata os 90 anos, e que, sempre sempre, andou en zocos.
Persoalmente, para facer running "correr" non volos recomendo, xa que non amortecen nin chisca o golpeo da zancada. Para a práctica do fútbol "xogar á pelota" preferible outro calzado, non quero imaxinar as consecuencias dunha entrada forte con patada na canela, iso si, un punteirazo colocado entre os tres paus, estilo Koeman, sería imparable.
Meus zoquiños de cor marrón precisaban periodicamente certos mantementos, por exemplo, para impermeabilizalos untábanse coa graxa de porco obtida na matanza e que se gardaba na artesa. En Galicia distinguímonos pola nosa mentalidade creativa e innovadora, reivindico dende este momento a patente "zoco-tex".
Cando estreei os zocos mancábanme un chisco. A dor era soportable, fodíame máis, como neno presumido, saír a rúa con eles e que a xente se fixara. "Nike" dicir que eu soñaba con outro tipo de prenda que adornase os meus baseamentos.
Chovera ou nevara os pés tíñaos quentes, serían os zocos ou a idade? Ei mercar uns novos para despexar a incógnita.
Cada día ao chegar á casa colocábanse no forno da cociña ou enriba do tiro, garantíase así un novo uso en óptimas condicións.
Atados con amallós axustábanse ao pé coma unha luva. Cravos, ollais, copete, os máis lonxevos lembrarán a colocar un leito fino de pallas picadas a modo de soleta. O zoco é tan resistente que parecera indestrutible.
Os evanxeos dan a entender que Xesús calzaba sandalias. Xoán Bautista manifesta non ser digno de desatarlle a "correa das sandalias". Razóns xeográficas, climatolóxicas e culturais determinan que o Señor optara por sandalias e non por zocos. Estou convencido que se nacera no rural galego andaría con zocos mercados nun zapateiro de aldea.
Acercaríame a Xesús con sixilo, para evitar ser descuberto, e recrearíame na súa figura. Miraríao con rubor da cabeza os pés, e repetiría: "non son quen de desatarlle nin os amallós dos zocos".
A pertenza a un pobo tamén se percibe nas cousas miúdas, como no vestir e no calzar.
Distingamos hoxe a excepcionalidade das persoas que son mediación de Deus, e que van deixando ao seu paso unha estela de esperanza, paz e amor. Sospeito que abundan en número equivalente ás persoas que gastan sandalias e zocos.
Apertas.

- Detalles
- Visto: 502
Vivía nun piso alto da cociña, na zona “vip” da despensa, planta cuarta ou terceira... No seu cristalino pedestal contemplámola impávida e moi atufada.
Branca, espigada, con verrugas de bruxa e a cabeza tisnada. Muller de mente brillante, volta sobrábanlle pretendentes, volta a súa fama minguaba. De carácter distante e frío, ante a escuridade ou desventura, ofrecía a súa luz tenebrosa.
Ilusa, soñadora, sinistra e silenciosa, deseñadora de figuras e sombras. Ante ela o mundo tornábase un reflexo, algo difuso e incerto. Algunha noite, entre achegamentos e suspiros, albiscaba amores prohibidos: quérote, un bico.
Emprendedora, afeita a abrir camiños, adiantada aos tempos. Arteira e cos ollos abertos, a súa teima: descubrir trampas e outros tropezos.
Dona arrogante e estirada da nosa aristocracia aldeá.
Alma peregrina que frecuentaba igrexas e santuarios. Fiel devota da confraría do resplandor.
Neste mundo incerto e con pouca luz necesitamos avivar a faísca do recordo, coller aire e soprar desde dentro, remexer o rescaldo e rescatar o esplendor da luz, da humanidade.
El fíxose luz.
Vai pola túa candea e préndea!

- Detalles
- Visto: 472
O meu avó morreu en 1981, o día dos Santos Inocentes. Recordo del a súa figura levemente encurvada cara adiante, a seriedade e a profundidade da súa faciana, as engurras fondas do queixelo, que a modo de regueiros definían unha expresión seria, e as súas mans fortes, coidadas e limpas. O meu avó padecía de párkinson e tremíanlle o xesto e as mans. Entre semana lucia a típica boina galega, o Domingo chaleco e sombreiro de pano conxuntado co seu traxe escuro. Do chaleco penduraba a cadea do reloxo de peto que trouxera da Habana, un "Cuervo y sobrinos" con maquinaria Roscov, reloxo que marcaba puntualmente a hora de nunca chegar tarde. O avó madrugaba, necesitaba tempo para acicalarse, con pulso de cirurxián manexaba aquela navalla anacarada de cachas brancas que lle facía de cortaúñas. Xosé Torreiro foi un home que reflectía por fora a elegancia e nobreza do seu interior. Tiña xenio como os homes que se visten polos pés, deses de palabra, para os que un trato pechado con apertón de mans vale o dobre que calquera firma notarial.
Podo dicir que aprendín a andar na bicicleta grazas a el. Durante as prácticas programadas no Prado do Pozo os dous pillamos un apuro. Montaba na bicicleta mentres el suxeitaba a bici pola sela, e tras varios ensaios soltábame un instante sen que eu me decatase. Este patrón repetíase varias veces, logo aparcabamos por un tempo o choio para descansar os tres. Namentres el durmía á sombra dunha maceira eu, imprudente e feliz, lanzábame na bicicleta aproveitando a pronunciada pendente do prado. Varias veces logrei completar o descenso esquivando as balizas arbóreas, e cando a bici perdía inercia e eu o equilibrio, tirábame para caer deitado na herba, e volta a empezar. Unha tarde a mala sorte confabulouse contra min, e no derradeiro slálom fun bater contra o avó que pillou un bo susto e a vara.
O avó cociñaba pola día da festa e preparaba o café seguindo unha receita secreta aprendida nas Américas. Buscador de augas con garabullo e péndulo, xefe da irmandade de labregos, subscritor do Ideal Galego, ata pasou polo cárcere por defender os dereitos dos labregos.
Lembro ao avó sentado nun cepo cravuñando a gadaña, e lembro como a facía asubiar nun movemento rítmico de corte áxil e limpo. Íamos cortar herba verde para as vacas en dous ou tres prados frondosos con dereito a auga de rega, unha vez colmado o carro de herba eu trepaba polas canizas ata acomodarme na cima de todo. O avó acudía a esas fincas co sacho ao lombo para tornar a auga e regar a propiedade os días que lle correspondía. Un dos prados nos que se tornaba a auga era o de Portaliñandres. Cun ou dous golpes de sacho arrincábanse os terróns que amontoados desviaban o curso do rego, provocando que a auga saíra polas canles abertas e correra polo prado adiante. En Galicia por culpa dos regos e das quendas de rega asistimos a liortas con ameazas graves que chegaron as mans, pelexas corpo a corpo con desgraciado final, disputas entre veciños que se perpetuaron no tempo e provocaron que familias veciñas deixaran de falarse por xeracións.
Disque algúns no terreo patrio andan tornando a auga para o seu prado sen respectar quendas, e iso traerá consigo algún desgusto e inimizade.
Separará uns dos outros, e colocaraos conforme ao seu proceder. O libriño de instrucións insiste na solidariedade e no reparto de bens e recursos. Non é legal erguerse en plena noite para quitarlle a auga ao veciño. A meu avó non lle chistarían os tratos por cobiza que saltan o dereito consuetudinario e desprezan ao veciño pobre. É habitual que os abusos veñan das persoas con máis poder social e económico, pero: aínda Deus non é vello, e xa volveran as augas ao seu rego!
Por favor, sepárenme eses cabritos das ovellas!

Página 5 de 24