Chega a noite acompañada do seu inseparable amigo silencio, e os moi descarados convidan a unha tal melancolía para  invadir en complot os currunchos máis íntimos da miña humilde morada. Uns pesados que repiten os contos de sempre, lembranzas dun fulano chamado recordo. Permitídeme un consello: non lle abrades as portas da casa que de contado collen confianza. Parécense a eses individuos que convidas por primeira vez a túa casa e con todo descaro abren portas e caixóns do chineiro. Meu Deus, onde quedou a vergoña!

Agora ando na procura de novas amizades. Hai uns días batín cun señor de mediana idade, amigos non lle faltan, o seu nome é cansazo. Un tipo cunha longa experiencia laboral, influente, pero mal encarado. Sempre se anda a queixar, que patatín que patatán! Síntoo, non me caeu en graza.

Sopeso a posibilidade de apuntarme a unha web de citas, váleme calquera (entendédeme ben). Enriquecerse ou quedarse ancorado no de sempre? Abro horizontes e exploro outros ambientes. Faláronme dunha moza moderna e ben feita, de nome ilusión. Conter o sorriso é farto imposible ante tanta beleza. No seu  perfil unha foto irresistible, da xenio vela. Sono de cote con conquistala.

Moito onde elixir... Tamén anda por estes lares a famosa monotonía, unha petarda que te encerella coas andrómenas de sempre, insistente e cotilla, nunha palabra, repugnantiña. A min fascínanme a alegría e a risa, dúas curmás feitiñas e moi solicitadas. Con estas afortunadas señoras, podo presumir, tiven máis dunha cita. Confésovos que nos gustamos e que imos en serio.

Perdoade polas parvadas, pero botei unha soneca e soñei esperto.

Viva o poliamor!

Pin It