ARRASTRO!

Pertenzo a unha familia afeccionada aos xogos de cartas: brisca, tute, subastado, escoba, burro, solitario, etc. A avoa paterna pracíalle botar unha partida ás cartas a calquera hora. Baralla en man esbozaba un sorriso pícaro de  gran xogadora de naipes. Timbas entre familia e amigos nas que matar o tres desencadeaba unha algarabía propia desas manifestacións na rúa acompasadas a ritmo de testos e cazolas. Lembro longas e competidas partidas ao tute con sabor a vitoria, e tamén recoñezo que algunha vez “fun a Noia”. As cartas son caprichosas. Unhas veces, comeza o xogo e non apañas máis cas feas, disque: “pintan bastos”. Outras, levantas trunfos e cantas as corenta e vinte, e dis: “hai que limpar cando vai aire”.  Invernos temperados barallando e arrimándolle leña á cociña. Que recordos! Que ben o temos pasado!

Coñezo xente que controla todas as cartas que van saíndo e que  adiviñan as que leva o rival. Confeso que non son xogador profesional de campionatos, aspiro a “xogantín” que se divirte provocando ao contrario. Mesturo oficio e instinto, e arrisco na procura da xogada mestra. Arrastro!

- Un home barallou e repartiu cartas. A un deulle cinco trunfos e dúas briscas, a outro tres triunfos e vinte en copas, e a outro un trunfo pequeno. E comezou o xogo.

Rematada a partida contaron as cartas: "Señor, velaquí o que gañei". “Señor, aquí está o que fixen coas miñas vinte en copas”

Díxolles o seu amo: "Moi ben xogado... Pasade a gozar da festa do voso amo”.

Tamén contou as cartas o que recibira un trunfo pequeno, e dixo: "Señor, déchesme un xogo ruín e collín medo, eu non sabía como xogar, asistín sempre ao pau e gardei o furricallo ata o final". O amo anoxouse e botouno fora da mesa, como se di na xerga tabernaria: "cantoulle as corenta, ben cantadas".

A todos nos entregaron unhas cartas, uns bens, non por igual pero conforme a nosa capacidade, para aproveitalos e rendelos. O segredo non está en desenvolver un xogo de precisión, mais cómpre arriscar e, cando menos, aproveitar todos os tantos.

Xogar na procura dun golpe de sorte que cambie o rumbo da vida. Xogar para gañar. Xogar para tocar o ceo.

Sei fixo que Deus recibe aos xogadores coa baralla na man para xogar ao quente detrás da cociña.

Unha partida?

Fdo.: Un xogantín empedernido de Santo Antonio.

Pin It