Dispáranse os prezos, e a cesta da compra ponse polas nubes. Acusamos a suba dalgúns produtos esenciais que non poden faltar nas nosas despensas, sexa, o aceite. O primeiro en dar o susto foi o aceite de xirasol, e agora aterrorízanos o afamado aceite de oliva. Prezos que rompen a barreira do mileurismo, situando este alimento no selecto grupo das delicatesen. Aceite virxe extra con denominación de orixe de Xaén? Esposado e detrás do cristal, confinado a espera dun rescate ao alcance de moi poucos petos. Aceite para fritir unhas pataquiñas da horta, amañar unha ensalada, mesmo para lograr un bo guiso. Non hai casa, cociña e cociñeiro respectables sen reposto de aceite no chineiro. Aceite, “ouro líquido”, para satisfacer os padais máis esixentes e refinados.

E subiu todo! Disque o encarecemento da vida é cousa da inflación.

Unhas mulleres atoladas caeron nun sono profundo, e cando repararon na falta de aceite xa se lles fixera tarde. Nenas, quedámonos a dúas velas!

 Por favor, facede provisión de aceite, e mercade:

  • Óleo da ledicia sen fin.
  • Óleo que nutre, condimenta e da sabor á vida.
  • Óleo que troca en ouro líquido nos sacramentos, enriquecendo o interior de quen os toma.
  • Óleo antigo e testemuña fiel dunha historia de amor.
  • Óleo das oliveiras do Monte das Bágoas, daquel lugar de dor que tanto zume de graza e consolo produciu.
  • O líquido denso e definido, que contén en si mesmo o espírito que estimula e da valor ante o perigo.
  • Óleo medicinal, aromático, conservante, suavizante...

As mozas asisadas recibiron ao esposo e entraron na sala do banquete, as atoladas ficaron compostas e sen mozo!

Boa e proveitosa degustación dominical.

Pin It