O faio da casa! O escondedoiro perfecto segundo as miñas contas. E pasou que o agochado nel desapareceu. Mágoa! As coordenadas indicaban a caída leste do tellado da palleira. Para ser preciso, entrando á man dereita, contando cinco pontóns dende a porta. Alí, entre as táboas e as tellas, agardaban as miñas prezadas xoias de papel. Para rescatar o tesouro cumpría introducir a man, e coa punta dos dedos beliscar o botín, para logo desfrutar do seu reflexo dourado. As fundas de plástico das cartillas da seguridade social do avó impermeabilizaban aquel recuncho sito no teito da palleira. Documentos orixinais escritos de puño e letra, mensaxeira que chegaba ao seu destinatario na última parada do transporte escolar.
Ata aquí podo ler, obrígame a gardar silencio a protección de datos. Nin o vil ouro, moito menos a prata, o valor real do custodiado era afectivo. O ceo e un servidor somos os únicos depositarios daqueles segredos. Segredos cheos de bondade que inspiraban tenrura e emoción. A vida dun neno inocente revestido de ideais, amor e sonos.
Un despiste, exceso de confianza, relaxación? Un que sei eu fíxome perder canto gardaba.
Xa choveu! Sabedes? Agora tamén teño os meus secretiños que me dan a vida.
Onde se agocha Deus? A quen confía as súas cousas? Talvez o atopemos de xeito inesperado e involuntario, no faio da palleira ao levantar unha táboa e remexer nas tellas. Talvez Deus mantén unha correspondencia co neno que todos levamos dentro. Talvez che meta no peto estas letras para que as conserves con celo no escondedoiro do teu corazón.
Grazas, Deus, por contar cos pequenos.
Amén.

