Como será o teu final?
O que descubrimos nesta tarde posiblemente nos faga pensar no final dos nosos días, naquela cruz onde a morte crave a nosa vida. A nosa mente tende a recrear un momento tráxico, marcado por unha dor profunda, de paixón, de desesperación e morte. Todo xira ao redor da cruz. Uns ignórana, outros desprézana, a moitos quítalles o sono, non poucos queren evitala, algúns mírana de fronte e, a todos bótasenos enriba....
A cruz fala sen dicir unha soa palabra, domina todos os idiomas e adáptase á capacidade e situación de todos os oíntes. Nos nosos tempos descrávanse as cruces, retíranse de diante da vista, porque iso de sentirnos identificados cun distintivo gastado e desfasado non vai, non se leva. Arrincamos as cruces e deixamos os crucificados. Quen entende ao mundo de hoxe?
Os materiais, os tamaños e cores empregados para elaborar as cruces, carecen de valor. Incluso a cruz podería perder a súa forma de cruz e seguir sendo cruz. A dor, a inxustiza, os xemidos que buscan alivio, a impotencia ante o irreversible, as mortes en vida dos descartados, a intolerancia e o vicio, a guerra ou calquera forma de mal van definindo sobre a parede da conciencia mundial a cruz mailo recordo da cruz de Xesús. Seguen penduradas sobre as fachadas interiores da nosa casa común multitude de cruces que por máis que nos empeñemos seguirán buscando e clamando a Deus.
Deus escribiu na historia unha mensaxe de solidariedade con forma de cruz. Basta que quitemos a venda dos ollos e pidamos superar o analfabetismo posmoderno, porque tan só é necesario descubrírmonos limitados para amar novamente aos irmáns e á Cruz.
Nesta tarde amosamos e contemplamos a cruz coa intención de abrazar a fe e a esperanza en Cristo. Hoxe non a quitamos, poñémola de pé no noso corazón.
Sabes cal será o teu final? Un no que dúas cruces se xuntan: a Túa maila miña.
