Alzar a cruz.
No Monte das Penas buscaron sitio para espetar unha cruz. A cruz era de pau, dura e labrada á macheta.
Deixárona bastante enterrada, suxeita con cuñas, e achumbada a ollo. Visible dende a cidade e dende as aforas tamén, para todos convertíase nunha advertencia intimidatoria, nun espanto. A cruz impoñía.
Aquela cruz dicía seca, sen graza, escura e fría. Cruz solitaria. Cruz.
Morreu a cruz e amañeceu a luz. Que vimos? Cambiou a cruz.
Enterrados coa cruz o pecado e a mentira. Cruz compasiva. Cruz redimida. Cruz.
Pendurada na cruz a esperanza. Cruz infinita. Cruz divina. Cruz.
Cravada na cruz a miña Vida. Cruz eterna. Cruz salvífica. Cruz.
A única cruz á que chamamos amiga. Cruz humana. Cruz amable e tenra. Cruz.
Destino de cruz? Creo na cruz. Cruz aberta. Cruz.
Toca erguer a cruz, aquela mesma cruz, e contemplar canto somos e amamos.
Alza a túa cruz!
