As igrexas da nosa terra sofren os achaques propios da vellez. Basta facer un percorrido polas parroquias para ver o deterioro destes seculares e simbólicos edificios. Estragados por dentro e estragados por fóra. Estamos ante un cadro clínico con patoloxías múltiples, un goteo continuo de problemas complexo e difícil de entender. Asolados pola soidade estes carcamáns pétreos debilítanse día a día. Moi doloroso o desapego e desachego dos que alí naceron.
Os templos parécense a eses anciáns diagnosticados de alzheimer que son confinados en residencias. Escasas visitas e silencios prolongados van entristecendo as súas facianas, faise evidente a perda de facultades, e minguan a frescura e o enxeño de outrora. Remóvense as tellas dos recordos e fíltranse pingueiras de desacougo polas fendas do esquecemento. A vellez nunca vén soa.
O especialista ante esta situación crítica falou de coidados paliativos, seica entramos na fase terminal, para que padecer? A medicación pautada consiste en botar o tellado e tapar as fendas. Descartamos intervencións agresivas xa que o enfermo non resistiría. Queda acompañar o declive e ir aplicando sedacións que camuflen a dor namentres agardamos o desenlace final.
Co paso dos anos estimo máis as cousas de antes, por exemplo, os remedios tradicionais caseiros feitos con agarimo. Teño oído que algún enfermo recuperou na casa a por de mimos e medicina natural.
As igrexas son casas levantadas entre todos con amor, fe, esforzo e ilusión. Construcións de centos de anos que, expresando a sensibilidade propia de cada tempo, custodian a presenza de Deus e manteñen acendida a chama da fe. As igrexas son expoñente do poder económico e da influencia social, tamén, non cabe dúbida, da profundidade espiritual dun pobo.
Vexo que este vello arrastra moito os pés, nin por iso!
Derrubade este templo e erguereino en tres días.
