Descoñecemento, desconfianza e odio. O ser humano é quen do mellor e do peor. Disque é marabilloso cando del afloran sentimentos de bondade e accións fermosas en prol do colectivo comunitario, á par, cruel e malvado cando sementa a mans cheas ruindade. Un conto da tradición dos indios americanos, cherokees, explica que no interior da persoa conviven en loita continua un lobo negro e outro branco. O lobo negro é rabioso e incita ao mal, o lobo branco é pacífico e procura o ben. Nas nosas mans alimentar e “empoderar” a un dos lobos.
Día tras día, en torno a cuestións de índole diversa e relativa transcendencia, topamos lecturas e interpretacións contrapostas. De cote, valoramos a realidade e os sucesos segundo os nosos criterios e apreciacións, xerando, xa que logo, unha tendencia ou opinión. Axúdanos a reflexionar a confrontación de posturas. E, as veces, insistimos e defendemos en exceso a nosa versión, ignorando o perigo de deixarse dominar pola paixón que leva a obcecación. Ramón de Campoamor compuxo estes versos:
"Y es que en el mundo traidor
nada hay verdad ni mentira:
todo es según el color
del cristal con que se mira"
Amigos, xa que ninguén posúe a verdade absoluta moderemos os nosos xuízos, respectando e adoitando unha actitude amable e discreta ante todo aquel que pensa diferente.
"Os letrados que baixaran de Xerusalén, dicían: ten dentro a Belcebú, bota fóra os demoños co poder do príncipe dos demoños"
Sospeito que os ouveos daqueles sabios xudeus proviñan de alimentares ao lobo equivocado. Os ollos ensanguentados dos letrados miraban a Xesús dende o prisma dos seus intereses, faltando claramente á verdade.
Aló polas terras de Palestina cometeron un crime cando liquidaron ao bo de Xesús. Os responsables do deicidio, logo de inocular na sociedade aquel veleno de "en terra de lobos ouvear coma todos", consumaron unha barbarie histórica. Cousas do demo. Leccións de vida.
Feliz semana, irmáns!
