Imprimir
Visto: 433

BELÉN 2023: "AXUDA HUMANITARIA"

 

Crise humanitaria.

Dun tempo a esta parte andamos a voltas coas guerras. Tanto en Ucraína como en Israel-Palestina liáronse a tiros con consecuencias desastrosas para a súa poboación. Polo mundo adiante líbranse contendas todos os días, cousa aparte que dean cumprida información ao respecto. Non sei polo que, a de Ucraína e a de Israel-Palestina ocupan a pole position na grella informativa. 

Imaxino o horror que supón unha guerra: destrución, morte... 

Canta impotencia ante o esquecemento da comunidade internacional! Canta rabia ante a manipulación ideolóxica que pecha os ollos á traxedia e fai oídos xordos aos laios das vítimas! 

Canta soidade resultante da inhibición que xustifica o inxustificable! 

Noxo!

Cóntanse por milleiros os desposuídos dos bens materiais, mesmo da propia dignidade: danos colaterais asumibles ou podremia espiritual? Un caos imposto dende intereses ocultos e froito, tamén, de manobras macropolíticas e macroeconómicas. Pobos sepultados. Vaia desfeita! 

 

Emerxencia humanitaria. 

Guerras? As que libran persoas descoñecidas en calquera recuncho para sobrevivir combatendo a peste do rancor e do apego aos cartos que tolera todo tipo de abusos. Guerras de deseño que bombardean a inocencia das persoas deixando en ruínas a capacidade de amar e comportarse como seres humanos, de carne e oso, civilizados. Coa man no corazón e, vendo o panorama que nos rodea, hei dicir que: isto atufa a indiferenza. Queridos espectadores, desculpen esta interrupción, nun intre volveremos a conectar coa programación de Nadal.

 

Axuda humanitaria. 

Cómpre superar o conformismo, o lamento inútil, o misticismo de lapis e papel, a verborrea de estudio televisivo e faladoiros de café. Cómpre facer algo. 

Mirade, hai movemento no ceo, parece que vai descargar, agardamos a chegada urxente de axuda. Época de Nadal para refrescar o acordo e descubrir que Deus baixou de aló enriba para establecerse aquí na terra, en concreto, no medio do portal da miseria. Chámanlle Nadal a axuda humanitaria enviada por Deus e que inspira as nosas achegas nesta época do ano e sempre.

Ábrense as nubes, derrámase o ceo, caen fardos cheos de iniciativas reais. Cae Deus. Convois de camións entrando en zonas de guerra, avións fretados con destino ás zonas afectadas, ONGs que responden á chamada SOS, persoas anónimas que acoden puntuais a súa cita coa solidariedade...

Santo Antonio celebra o nacemento de Deus renovando a súa opción polos que sofren e os pobres. Esta comunidade parroquial é un deses globos que transportan carga de amor, e vai descendendo das alturas para caer nas mans tendidas dos que piden. 

Súmate ao convoi solidario da parroquia. Convértete en axuda humanitaria.

Bo Nadal.