Á mestra da escola de Barazón, Deus a teña no ceo, puña unha hora semanal de lectura comprensiva. Libros gordos coma "O Quixote" ou unha escolma de relatos de exaltación do espírito patrio e cristián -sirva de exemplo a crónica da Reconquista contida no libro “Historia de España”- pasaban de man en man naquelas tardes dos venres que sempre remataban co santo rosario. Aposto mil pesos (“me caxxx en La Coruña”) a que os meus veciños e compañeiros de pupitre, privilexiados e excelentes alumnos da escola de Barazón, lembran a data desta batalla: Navas de Tolosa. ("Caramba, los niños de la escuela de Barazón si que chutan!") jajaja...
E un bo día, previo adestramento, recibiamos a visita do Inspector. Erguidos e tesos como varas dabamos os "buenos días tenga usted, señor inspector" e os máis sobresaíntes do grupo expoñían traballos e coñecementos.
O sistema educativo no que medramos os da xeración X disciplinounos e incrustou na nosa cachola a tecnoloxía das boas formas e da memorización.
Os inspectores xudeus moi afeccionados ao xogo de preguntas e respostas tentan comprometer a Xesús: cal é na Lei o gran mandamento?
(Agora estádeme moi atentos, reparade:
-Resposta sinxela
-Non se esquece
-Faise vida
-Directa ao corazón e a alma)
Alumnos de Medio Oriente, Europe, EEUU, Emirates e da China comunista terían que volver á escola unitaria de Barazón e levar varios reglazos nos dedos, ou daqueles cachetes preventivos e tonificantes que baixaban os fumes.
Meu Deus, que axiña esquecemos a túa ensinanza!
Deixo deberes. Toca repasar a lección:
"Un doutor da lei, preguntoulle para poñelo a proba:
- Mestre, cal é na Lei o gran mandamento?
El respondeulle:
- Amarás o Señor, teu Deus, con todo o teu corazón e con toda a túa alma e con todo o teu entendemento; este é o mandamento grande e primeiro. O segundo é semellante a el: Amarás o teu próximo coma a ti mesmo. Destes dous mandamentos dependen a Lei enteira e mais os profetas."
Paz para os pobos e para as súas xentes.
PALABRA DE DEUS
