Imprimir
Visto: 516

"La pela es la pela" refrán popular que fai pensar na  presión exercida polo puño pechado ao apertar axitado e suorento os cartiños nunha manobra descarada de retención e aforro, é dicir, apertar para non soltar. Aplícase tradicionalmente aos cataláns e eu fágoa extensible aos rañicas, agarrados, amarrados e demais peregrinos devotos do santuario daquela Virxe que todos coñecedes.

Teño un vello amigo ao que lle gustaba pagar arrincando do seu peto un exemplar de 10.000 ptas. da desaparecida especie monetaria. Un pedazo de billete que guindaba con desprezo e soltura no mostrador da cafetería para convidar ao café, ao tempo que anunciaba: "cóbrame que non teño máis pequeno", e outras veces dicía: "se fora no oeste xa estabas morto" referíndose á lentitude dalgúns vaqueiros á hora de sacar a carteira. Ocorrencias das súas, e cónstame que a fonte da inspiración segue manando parvadas sarcásticas e divertidas.

Na época na que viviu Xesús tamén manexaban "pesetas". De feito unha vez sacaron do peto unha moeda e  preguntáronlle se había que pagar impostos ou non. A moeda era un denario. A reacción e reposta de Xesús, sabia e enxeñosa: de quen é esta cara? Pois, ao Cesar o que é do Cesar e a Deus o que é de Deus.

Non busquedes a faciana de Deus nos cartiños, aí non está!

Reflicte o rostro de Xesús canto dicimos e facemos na igrexa? Vaqueiros rápidos desenfundando ou covardes aos que lles tremelican as pernas?

Queira Deus que o valor da igrexa non sexan os cartos e si manifestar o rostro de Xesús.