A semana pasada participei nunha voda. Á noiva coñézoa dende hai 14 anos e, ao noivo, algúns menos. Sospeito que esta parella devece polas perdices... agárdalles un porvir de felicidade.
Pasaron un día a saudar e deixaron un sobre verde de dimensións considerables, que non era sospeitoso de agochar publicidade. O contido de tan rechamante sobre tornábase misterioso pois, ao palpalo, distinguía uns obxectos ben definidos e ríxidos. Tratábase, xa vos decatariades, da invitación á voda. Do interior daquela cárcere de papel liberei un “QUÉROTE” formado con fichas de madeira imantadas.
Orixinal, sinxelo, fermoso e cativador o segredo que agochaba aquel envoltorio verde. Invitación recibida e aceptada.
Teño unha invitación para ti! Nin correo spam, nin chamada comercial, nin campaña publicitaria, nin recadar cartos... Quero convidarte a unha festa porque si, porque te quero.
Mirade, andan por aí uns mensaxeiros buscando persoal para encher a sala do banquete de vodas. Dáte por convidado e non refuses participar con alegría da festa grande da fe, do amor e da vida.
Na caixa das cartas déixoche esta invitación.
