Onte apertou a calor e recordei épocas nas que enxameaban as abellas e había que perseguir e capturar ás emigrantes . O señor Prudencio, Deus o teña no ceo, saía a caza dos enxames que voaban na procura dun novo fogar. O veciño apicultor preparaba un ungüento oloroso irresistible para as abellas (fase de captación) con el untaba o interior da cortiza para que as avellas aterraran e ficaran alí. Un ano polo San Xoán corremos detrás dun enxame que se foi pousar na cerdeira da casa de Veiga. Un verdadeiro espectáculo ver aquela bola negra enrodelada nunha pola da árbore. Prudencio, ataviado de chupa de coiro, careta, e prato sopeiro en man, padexaba abellas para o novo cortizo. Á noitiña, unha vez instalados no interior da casa, os insectos eran trasladados á localización definitiva. O derradeiro paso (fase de consolidación) mirar se traballaban, de ser así, retirábase un garabullo que atrancaba a metade do burato da entrada do cortizo, para facilitarlles o tránsito.

Onde vai que non vexo voar un enxame, pola contra, atopei na casa dous niños de avespas velutinas. O primeiro, a ras da terra, dentro dunha bovedilla de formigón. O segundo, de altos voos,  pendura na copa dunha nogueira e ben sendo do tamaño dunha pelota de praia. Non me chista nada ter estas veciñas e xa fixen algunha xestión para desaloxar ao colectivo ocupa.

As velutinas son avespas grandes e de cores alaranxadas moi rechamantes, traballan a reo e constrúen a casa a gran velocidade. A produtividade destes insectos está por ver, non así as consecuencias negativas da súa picadura. Sabede que este ano recollín uvas e catei picaduras, uvas saborosas e picaduras nada recomendables.

A avéspora asiática é un mal bicho que se estableceu en Galicia hai pouquiño tempo. Pola contra, a avella é un insecto disciplinado e traballador que transporta o pole cara a colmea nas súas diminutas patas. Todo un portento da natureza que aporta múltiples beneficios ao home, disque é o insecto máis importante do mundo. Sobre as avespas asiáticas un consello: arredade delas,  non invadades o seu espazo, fuxide, do contrario contade cunha ou varias mordeduras letais. De primeiras, discorrín eliminar os niños das malvadas velutinas con  lume. Sabedes? Quen ten cu ten medo. Prudencia ou escasa valentía que me levou a resolver o problema informando ao 012. Axiña virán poñer paz na finca de Chorén.

Oístes! Precisamos abellas traballadoras que desgasten o lombo pola comunidade, humildes artesáns que produzan o mel doce que calma e cura.

Canto presta unha culler de mel no almorzo.

Boa xeira!

Pin It