“Maio-xuño, maio-xuño, maio-xuño...” mantra que ano tras ano repito para afastar lonxe, moi lonxe, a acumulación de traballo e estrés. A estas alturas do curso necesito respirar e recuperar o estado de relaxación necesario para o descanso nocturno e as dixestións diarias.
Na tarefa que teño encomendada de cote xorden complicacións, e case sempre vencelladas a intereses particulares, en oposición ao sentir común e ao da igrexa tamén. Sen dúbida, “a organización de eventos” xera conflitos entre a parte solicitante e a parte executante. Comuñóns, bautizos, vodas, cabodanos, funerais... pasan a converterse en meros “eventos” con pouco calado cristián. Desfilamos baixo a luz dos focos sen decatarnos do que pasa diante dos nosos fociños. Asistimos impasibles á unha práctica ficticia da relixión. A exposición continua a este ambiente empobrecido causa un gran desazo. O corpo e o espírito pídenme terra! Arestora, dádeme razóns para seguir insistindo.
Vendo Xesús a multitude, sentiu unha fonda compaixón por ela, porque estaban todos derreados e esmorecidos coma ovellas sen pastor.
Canto necesitamos a alguén que atenda o rabaño! A clave atopámola nas persoas teimudas e sensibles que conectan coa realidade social e coas súas xentes. A mensaxe de Xesús suma fe profesada máis fe practicada. Andar no medio do rabaño, deterse cabo de cada ovella erguendo ás derreadas, é o traballo do Pastor. Poderiamos dicir que o traballo de Deus consiste en facer ás persoas felices. Xesús traballa a reo para cumprir esta misión e solicita colaboradores, man de obra para traballar na seara do mundo. Pouco traballador (non me mal interpretedes) para tanto traballo.
Instrucións: curade o ánimo abatido dos enfermos, resucitade aos mortos en vida, limpade as lepras destes tempos, loitade contra o mal.
Para todos os que vos sentides fartos!

