Ben colocados nos estantes e con cara de fotografía lucían uns moletes de pan fresco. Unha estampa irresistible para os amantes do pan. Eu, panceiro antes dos dentes e despois dos dentes, baballo ante a presenza de pan tenro. Agardei a miña quenda e merquei un pan de quilo. A fermosa peza exposta na balda do despacho de pan ben merecía unha puxa alta. Ollo e olfacto profesionais para pechar unha adquisición de futuro. No draft das panaderías meréndome ás mellores fichaxes. Alí ficaron a espera dun ofertante esfameado chuscos, tortas, e larpeiras tamén. 

Agora paso a contar unha parte moi comprometedora. A chama prendeu de contado e a calor correu polo brazo arriba chegando ata as costelas. A súa imaxe fresca enmeigárame, e o roce pel con pel produciume cóxegas e, ...un recendo inconfundible fíxome perder o control. Amor a primeira vista. De camiño tornaba da cabeza, como podía, a tentación de meterlle man. Recoñezo que varias veces imaxinei o triscar da codia tostadiña e o fumegar do miolo. Entramos xuntos na casa. Non pasamos da cociña e, deitados no mesado, saltaron codechas polo aire. Murmurios de agrado que se prolongaron deica o café. Apenas sobraron unhas faragullas.  

Preto de onde vivo abriron unha tenda que despacha distintas variedades de pan galego (IXP). Póñome as botas! En Galicia apreciamos o bo e saudable, porén, consumimos un pan especial cuxa fama pasa fronteiras.

Sei, tamén, doutro pan gustoso que sacia e non cansa: “O noso pan de cada día”. Pan elaborado artesanalmente seguindo a receita orixinal que data de épocas remotas. De fariña de trigo, destacamos o seu miolo tenro e a súa larga conservación. De sabor inconfundible e intenso, un pan celestial que reconcilia, une e salva. Basta comer un anaquiño para potenciar todos os sabores e propiedades da vida.

Miro apesarado cara aos obradoiros dos barrios e cara aos fornos tradicionais onde prendeu esta paixón, botan o pecho ante a escaseza de clientes. Hoxe conformámonos con "las galletas y las rosquillas". Reclamo respecto cara este produto, e que entre todos devolvamos a este PAN o seu prestixio e merecido lugar na nosa dieta.  

Queira Deus que non se perda esta milenaria cultura do pan.

Firmado: Alberte, embaixador da cultura do PAN.

Pin It