Gañou o Sevilla a Europa League. Un equipo que esta temporada coqueteou co descenso coróase no máis alto eliminando a primeiras espadas do fútbol europeo. Cabeza de serie na próxima edición da Champions. O Sevilla toca o ceo e trila o sevillismo.
Domingo da Santísima Trindade. Os nenos cando escoitan iso de "Deus Trino" ou "Trindade" comentan entre dentes e cun sorriso pícaro: "trinaranjus". Ja ja ja
Práceme o cantar dos paxariños en primavera.
Os cristiáns celebramos esta finde a festa do creador dos paxariños. Trilan o Pai, o Fillo mailo Espírito Santo. Gustoso o trilar dos paxariños!
Metinme adestrador e decidín convocar unha listaxe de palabras para facer un equipo competitivo. Penso na vindeira temporada. Asumo o meu rol e chamo a quen considero máis en forma. A miña lista non será do agrado de todos, pero lembrade, cada mestriño ten o seu libriño.
“Trindade”, noutrora titular indiscutible, pasa á bancada dos suplentes agardando unha nova oportunidade. Paréceme que acepta a suplencia con deportividade. Hei relegar palabras co ego subido e de gran xerarquía pola súa veteranía pero en baixa forma, amais, crean mal ambiente en vestiarios.
Estou deseñando un equipo gañador, conto con outros nomes que se adapten a un sistema de xogo ofensivo e alegre. O meu plan pasa por unha boa saída de balón. A palabra "en saída" marca as preferencias, non pode faltar na miña lista. Crucial repartir xogo, abrir o campo e controlar a posesión do balón, tiqui taca, tiqui taca. Elixo á palabra “sinodalidade” para o centro do campo.
"Amarrategui" non entra nesta convocatoria. Rexeito ese xogo defensivo que endexamais arrisca, nos últimos tempos deparounos derrotas e situounos ao borde do descenso. Mal. Fóra da lista!
Por suposto, "Amor", formará de titular indiscutible e portará o brazalete de capitán. Tamén conto cun deses cracks das reviravoltas co balón nos pés, procedente do continente americano e amante do "jogo bonito". "Paco" é a palabra estrela, a palabra mediática para encantar aos seareiros. Mentalidade ofensiva, de ataque continuo, co gol entre cella e cella. É vital transformar en resultados o programado sobre o taboleiro.
Lista provisional de convocadas:
Humana
Fráxil
Pobre
Corazón
Primerear
Misioneira
Renovar
Aberta
Misericordiar
Acompañar
Irmán
Parroquia
Catequese
Familia
...
Ti
O Presi dende o andamio celestial observa ao equipo. Corren rumores de primas cuantiosas para o cadro, e os xogadores están que trilan.
"Y es por eso que hoy vengo a verte, sevillista seré hasta la muerte..."
Bicos.

