A máquina de pensar non para e sube a cotización da fábrica das ideas. Os índices de produción dispáranse vaticinando pingües beneficios. Unha inversión á futuro en soños e fantasía.
Traballo no sector estratéxico da ilusión, un sector crucial para o benestar e felicidade da xente. Entusiasmo, creatividade e moita complicidade distinguen o noso proxecto.
Na planta ruxen de ledicia os motores e saltan chispas de vida. Todos os engrenaxes cantan melodías que invitan a rir. Inspecciono as naves e vixío a presión da caldeira central, convén mantela a un nivel constante. Aperto algún parafuso e retiro os excesos de graxa, nestes pequenos detalles radica o éxito desta empresa. Acelero o ritmo. Marabilloso!
Aló nos inicios cando botamos a andar asumimos riscos, eramos inexpertos con ganas de comernos o mundo, daquela un exceso de imaxinación xerou máis dunha decisión precipitada. Xuventude e potencia sen control sempre foron cóctel perigoso. Neste intre son consciente do moito que está en xogo, amais teño experimentado algún que outro revés e fracaso, por exemplo, fallos na liña de produción que non foron detectables.
As instalacións amplas e luminosas axústanse ás exixencias do proceso. Controlo e superviso as calidades. A nosa oferta conserva o encanto e beleza orixinais. Nesta empresa desfrutamos dun ambiente agradable, sopran aires renovadores e a paz inunda todo o recinto. Abastecemos a rexión e os nosos almacéns rebordan cheos de remanentes. Marabilloso!
Arriba ese ánimo! Onde deixastes o espírito?
