Imprimir
Visto: 584

Gardo no peto da memoria historias en efectivo que quixera compartir. Dispoño dos meus aforriños e gasto cando me pide o corpo.  Confésome comprador compulsivo incapaz de rexeitar calquera oferta que golpee na miña faciana. Esta semana todo aconteceu por mor dunha corda. Explícome: para os primeiros días de San Xoán preciso unha corda que me axude a transmitir unha ensinanza. E remexín entre os meus aforros e,  escoitade que atopei.

Quero o trelo que había na casa para atar as vacas e levalas ao prado, ou o adival grande que cruzaba varias veces o carro cargado de palla ou toxo. Tamén arranxo coa soga resistente da que penduraban os porcos o día da matanza, ou a que se empregaba a modo de liana no parque de atraccións do Pozo Piñeiro no río Furelos. Unha corda feita con fíos de cánabo de Manila, inconfundible polo seu olor, tacto e feitura.

De neno mamá mandábanos a Riba das Chousas, finca sita no agro de Barazón, recoller remolacha nunha carretilla, porque os bichos de telos hai que coidalos. Tratábase dun traballo livián. Coller a carretilla e unha fouce, e non esquecer a corda. Ao ir un dos operarios guiaba o vehículo e outro viaxaba dentro del placidamente acomodado. O cú na parte dianteira para aliviar peso e a cachapernas para non bater coa roda. Case todo o camiño de ida era costa abaixo, ate o río máis ou menos, alí última parada para os viaxeiros, e o resto do traxecto a pé.

Coas pezas de remolacha máis cacholanas axiña se enchía a carretilla, e arreando! O camiño de volta, xa vos imaxinades, costa arriba. Ata o río ben, do río cara a casa “fuá, neno”! Un guiaba e o outro tiraba da corda,  previamente pasada ao redor da defensa do monociclo.

E caín na conta do potencial pedagóxico deste traballo. Remolacha fresca da leira á despensa e lección de vida asumida tras moitos anos.

E o Señor Xesús, despois de lles falar así, foi levado ao ceo e sentou á dereita de Deus.” Chegou á altura do ceo e dende alí descolga a corda do espírito para tirar con forza e aliviar as nosas cargas.

“Eles saíron a predicar por todas as partes, e o Señor cooperaba e confirmaba a Palabra cos sinais que os acompañaban.”

A lección de fe invita a coller a carreta cargada de remolacha e empurrar. Hai ben anos que carreto remolacha nesta cooperativa do Espírito.

Para rematar, cito as fontes bibliográficas: Tratado de “Tioloxía de Chorén”, obra póstuma de autores varios revisada e actualizada.

Hoxe estou na aldea e saio coa carretilla. A corda non se cortou. Tirade!