Imprimir
Visto: 668

Achegouse cun sorriso pícaro e premonitorio que facía pensar nas excelencias daquela botella que con moito tino traía nas mans.

Unha casa vella e espazosa acolleu o encontro. Entrámbolos dous a distancia dun par de copas. Abriuna como quen ten medo: silencioso, concentrado, encurvado, e apertando o recipiente vítreo entre as pernas introduciu o sacarrollas e con pulso de cirurxián extraeu o tapón. Daquela volta non houbo estoupido xa que conviña non molestar ao líquido inquilino.

Así transcorreu aquela operación cuxo remate saudamos babexantes. Deixamos que collese osíxeno. E un intre de calma permitiu que as esencias aromáticas do viño impregnasen o ambiente. Adeus ao estrés. E, copas arriba!

Trala decantación pausada as nosas gorxas cataron aquel delicioso caldo. Beizos como para bicar e ollos pechados para recibir nun sorbo o espírito perdurábel do alén. Copas arriba! E, veña viño!

O viño e as persoas temos alma. Un veciño de Chorén metido a viñateiro contoume como nun proceso metabólico, chamado fermentación, o zume da uva vaise transformando en viño. Neste proceso o viño adquire corpo e espertan eses matices de color e sabor que o farán único. Amais, convén trasfegar o viño para purificalo de impurezas. O bo viño é o resultado dun traballo lento, laborioso e delicado... inacabábel.

Esta semana un rapaz italiano aludía aos cambios da sociedade actual nestes termos: “Á xente cambioulle a alma”. O cambio climático afecta ás colleitas, e as alteracións no ciclo estacional disque provocan que as anadas sexan máis ruíns e case nunca mellores. Que horror!

O tronco recostado e a cabeza apoiada sobre a man dereita deixaban entrever satisfacción e unha chisca de canseira. Pincharamos un dos tesouros gardados naquela bodega. Cómplices e conscientes marchamos para a cama agardando unha nova ocasión para deleitarnos cos sabores doutra espléndida botella.

As nosas botellas conteñen Espírito de amor e de vida. Valorádeme eses “Viños con alma”, obras de arte en botella. 

E, copas arriba!

Saúde!