Pechan os comercios e ofertan os seus produtos "dous por un". Disque unha estratexia comercial para liquidar existencias, máis eu sospeito que estas manobras anticipan unha desfeita ou fracaso.  Seica sufrimos unha crise que leva por diante pequenos negocios de toda a vida, situados a carón da casiña, no corazón do barrio. Unha magoa ver as persianas baixadas e os letreiros pendurados nas paredes e fiestras anunciando "VÉNDESE ou ALÚGASE". E muda a paisaxe da nosa contorna -Madía leva!

Negocios familiares que non resistiron as turradas das multinacionais instaladas en grandes superficies comerciais, nin a desleal e inhumana competencia virtual. Adeus bares, adeus mercerías, adeus quioscos pequenos, adeus tendeiros de barrio non sei cando nos veremos.

"Dous por un" é un reclamo para os furtivos das rebaixas. Levas dous e pagas un. Unha auténtica ganga. Non deixes escapar esta oportunidade. Anda rapidiño que botamos o peche! Morro de ganas de entrar e ver a mercancía...

Confésome incapaz de entrar a uliscar e remexer nunha tenda que está de liquidación, como se fora un depredador que agachado agarda á presa ferida ou separada da manada. Dáme repelo. Chamádeme inútil pero é superior a min.

Chegou o momento en que Xesús toca a zafarrancho, e algúns pensaron: outro que pecha, liquidación total! Os avezados e impulsivos compradores, Tomás e Felipe, queren desfrutar de todas as vantaxes e facer o seu agosto particular.

-Señor, se non sabemos onde vas, como imos sabe-lo camiño?

-Señor, móstranos ao Pai e abóndanos.

U-lo comercio para mercar e aproveitar eses prezos? U-lo produto estrela para non quedar sen el?

O Director de Marqueting e responsable desta campaña pensa na clientela habitual, naqueles que un día tras outro mercan no comercio de proximidade. Se me coñecésedes, coñeceriades tamén a meu Pai... Levo tanto tempo convosco e aínda non me coñeces?”

Abrimos as 24 horas do día 365 días ao ano. Achégate e coñécenos. Accederás a produtos únicos, a descontos incribles. Aquí agasallamos calidade, e por unha mínima inversión levas garantía contrastada por xeracións. Recorre os estantes da tenda con calma, deixa o estrés, as tensións e presas de última hora. Repara na oferta “Dous por un” e lévaa para a casa. Ante calquera dúbida infórmate no noso mostrador.

Non sexades moinantes... esquecede a competencia!

Queda activada a túa tarifa cliente VIP.

Feliz día da nai.

Pin It