CHEIRAR A VACA

Inspírame santiño para que as miñas verbas non esquezan o legado dos nosos devanceiros, que saiba expoñer os méritos e achegas de traballo, calor, leite e coiro das nosas irmás as vacas. Rubias Galegas, Pardas, Cachenas, Pintas e demais razas autóctonas, raza pura, pedigree cento por cento galego. E tamén aqueloutras de cornos pequechos e ubres prominentes que viñeron de lonxe e se asentaron nestas terras. A vaca é signo da nosa identidade de país, e a nosa historia debérase escribir con leite.

Muuuitas grazas por tantas ma-ma-ma-ma-ma...

Muuuitas grazas, por tanto.

Pasarían corenta e pico primaveras desta lembranza que ten ás vacas coma protagonistas. A feira grande de Melide cadra co derradeiro domingo de mes, unha cita sinalada no almanaque para os labregos da contorna. Vender un becerriño, mercar unha boa rubia para xunguir ou estar ao axexo dalgunha bicoca. Un rebumbio de animais, bípedes e cuadrúpedes, que estimulaba a carteira tanto para facer un trato coma para comer o polbo. Un recinto feiral amplo daba acubillo a centos de reses. A feira do gando de Melide a través dos ollos dun neno de sete anos convertíase nunha gran aventura.

O limiar do recinto feiral, tomado por camións, camionetas e tractores, zumegaban fragrancia a "Eau de ruminante". Presas pola corda e intimidadas por unha tormenta de varas os animais recuaban cagados de medo. Non había perda posible, unha vía láctea de bostas salpicaban o camiño cara a nave do vacún.

Ringleiras de vacas colocadas a ámbalas dúas mans dos corredores creaban un efecto óptico no que os cus dos cornudos mamíferos ían achegándose ata xuntarse no horizonte. Dentro: un bosque frondoso de nádegas. Arriscado internarse e cruzar tal xungla de patas, rabos e coxas.

Aquela abafante atmosfera penetraba ate os mesmos miolos e convidaba a liscar “cagando leches”. Memoria olfactiva!

Anos despois, en plena etapa festeira de marcha nocturna,  recollíanme na casa uns amigos gandeiros e ía con eles ata Melide. Daquel coche recordo a suspensión branda e ese olor característico de quen traballa e se roza co gando. Olor a vaca, olor a ovella, olor a santidade!

"Quen entra pola porta e anda entre as ovellas é o pastor. A ese ábrelle o porteiro, e as ovellas escoitan a súa voz. Chama as súas polo nome e lévaas a fóra. Cando as dá sacado a todas, vai diante delas e as ovellas ségueno, pois recoñecen a súa voz."

Consello de Francisco, Papa: "Ser pastores con olor a ovella e sorriso de pai". O gandeiro e o pastor distínguense polo olor, e olor a ovella. Irmáns, andade entre as ovellas e fregádevos a elas para coñecelas e guialas mellor. Esta explotación gandeira necesita pastores que tocan e acariñan ao seu rabaño. Daqueles pastores que falan docemente, que aloumiñan e amansan aos membros alborotados, e van na procura dos que moscan e foxen do curro.  

Díxolles Xesús esta alegoría, mais eles non coñeceron que era o que lles daba a entender.

Inevitábel o aroma a vaca cando se traballa co gando.

Non patexes e déixate guiar!

Vaia de homenaxe ás Vacas. Amén.

Pin It