Imprimir
Visto: 635

Isto acábase!

 

Ando desconcertado e preocupado polo feito de que os mortos se afasten da igrexa. Unha tendencia da sociedade actual á que chegamos por diversos motivos, e que agora non toca avaliar. Certo e verdade, hai anos os mortos  ían á igrexa. Agora non. Que queredes que vos diga? O meu parecer ante esta moda non é positivo. Creo que o protocolo establecido: recibir o dó, mesmo ir á igrexa da parroquia, posibilitaba ver as cousas con outra perspectiva. Antes a morte dun parente ou coñecido convertíase en oportunidade de entrar en relación coa comunidade crente. Antes, agora non!

A miña experiencia remíteme a situacións moi tristes, de separación, de perda dos seres queridos, de morte. Sumido nun mar profundo de ausencias, atordado polo cansazo, abandonado no labirinto sen saída da existencia terrea, exposto ao zarandeo da compaixón e benquerenza da xente, inconsciente e ata un chisco demente, buscas o aire da superficie en pleno esforzo de saír a flote.

Caíches de cu nunha encrucillada, que fas? Pasar páxina, facer de tripas corazón e emprender unha andaina trazada polo aire que roza o dedo, frustración, chasco, decepción, caer no absurdo...  ou deixarse guiar dun morto? “Isto acabouse, non lle hai que facer!”.

Uns discípulos de Xesús camiñaban perdidos e tristeiros, fuxían dos problemas nun correr cara adiante sen revolver a faciana, repasaban a película do vivido porque frustrou os anhelos persoais desbaratando os plans previstos. Outros, temerosos e fodidos, quedaran pechados dentro da casa. Cagadiños ao apóstolo Tomás ocupados en mil actividades, e parentes daqueles de Emaús percorrendo grandes distancias sen rumbo. Pechados dentro da casa ou perdidos en camiños descoñecidos dependemos do factor sorpresa, agardamos unha faisca de esperanza.

“Quedou con eles. E mentres estaban na mesa, colleu o pan, bendiciuno e partiuno e déullelo” A palabra e a mesa simbolizan a complicidade afectiva dos que buscan o sentido das cousas. Conexión íntima que levanta o espírito abatido. Entre bocado e bocado as palabras traspasan a fronteira do cordial e correcto alcanzando cun murmurio o corazón. E volve latir, e ábrese paso a vida.

Esta foi unha das primeiras confesións de fe: íntima, intensa, solidaria, entre liñas.

Emociónate e comparte  a túa experiencia.

Boa noite, bo descanso!