COLOREA A MIÑA FE
Imaxínome a Deus facendo a obra mestra do universo: da súa paleta vértense cores divertidas e variadas que salpican o lenzo enteiro, pura inspiración definindo trazos de amor. O artista recréase e anticipa a ledicia maila sorpresa dos que contemplen a súa obra. Meus amigos, seica non sabedes que o artista vive por sempre dentro da súa obra? Daquela, contemplade o mundo do que formades parte, o mesmo mundo que vestides, e descubride nel a orixinalidade e a beleza do seu mentor.
As táboas do presebe de Belén perden a conta das cores que envolven o nacemento de Xesús. Abriu o ceo e derramou cores, mesmo dons que falan de vida. De aló arriba baixou unha gama infinda de tonalidades, tantas coma historias houbo e se coñecerán de amor. O Nadal é Deus que colorea á terra para que o home esboce o ceo.
Corría frío e a escuridade asolaba a terra, ollo, escuridade e baleiro trocarán en algarabía posto que Deus nace e connosco está. Rompede a cantar e tocade para honrar ao Meniño Salvador! El é reflexo da súa gloria e imaxe do seu ser. Quen sostén todas as cousas veu habitar nas pallas dun cortello. Podería o ser humano discorrer tal dignidade? Encomiado e sublime é o seu nome!
A luz que ilumina a todo aquel que abre os ollos á vida chámase Xesús. Esta luz grande permite apreciar as cores, coma unha pingueira que reflicte e espalla as cores do contrasol. Señor, non permitas que languideza a nosa fe, arreda lonxe a negrura e os tons grises e bota man das nosas facianas tristeiras. Os que chegamos ao teu portal desexamos vestir de cores alegres e fermosas e combinalas á luz da fe, acabando de socate co individualismo a mediocridade e a soberbia.
O cortello inundouse de fragrancias aromáticas de cor ceo e fomos quen de contemplar cos propios ollos a Divindade.
A igrexa de Santo Antonio quere pintar o barrio coas cores do Neno: azul de salvación, vermello de amor, branco de fe, amarelo de calor, verde de natureza, turquesa de encontro, violeta de compromiso e ocre de humanidade. Un novo resplandor que permita coñecer a Deus visiblemente a través das nosas palabras e obras, para que así El nos leve ao amor do invisible.
Removemos estes días o recordo colorido do Nadal e preparamos o lenzo da nosa casa interior porque imos pintar...
No Nadal colorea a túa FE!
