MANS UNIDAS

Levamos preto dun ano soportando os efectos dunha pandemia fatídica. Son tempos duros para todos porque as medidas adoptadas para superar a enfermidade paralizan gran parte do noso sistema de vida. Vemos o sufrimento da xente producido polo distanciamento social, cantos familiares e amigos non poden encontrarse para compartir penas e alegrías!  Sofre a xente pola crise económica, empresas e negocios botan o peche ou reducen persoal e as administracións tentan achicar auga dunha nave que parece afundirse. O número de vidas que se cobrou a pandemia fainos estremecer, e sentimos un fondo pesar polas vítimas do coronavirus e polos enfermos das UCI que se debaten entre a vida e a morte. O ton de gravidade que empregan os sanitarios asústanos, e as vacinas, en troques de protexernos do mal, inoculan impaciencia e inseguridade. Amais, sofre a xente polo confinamento e o toque de queda, mingua a liberdade e as depresións roldan polas rúas na procura das psicoloxías máis febles, os aparellos de última xeración enxeñan o derradeiro modelo de conexións persoais e, ao tempo, descargan da rede horas de aburrimento.

Sumidos nunha crise sanitaria de tal magnitude e con graves efectos sociais e económicos, cabe pensar nos famentos do mundo? Sen dúbida algunha, si. Neste momento a situación dos pobres agrávase considerablemente polo que se entoxa indispensable e urxente brindarlles a nosa axuda.

Repasemos o informe da ONG católica “Mans Unidas” nel están contidas as seguintes denuncias como razóns de peso a ter en conta:

  1. O empeoramento das cifras da fame e da pobreza por mor da actual pandemia. Por exemplo, pensemos nesas comunidades máis vulnerables que non teñen asegurado o acceso ás vacinas, estímase que a algúns países chegarán polo 2023.
  2. A crise sanitaria da COVID prodúcese cando a humanidade fica inmersa nunha alarmante crise ambiental, vinculada especialmente tanto ao cambio climático como ao uso abusivo dos recursos naturais, e que  incide especialmente nas comunidades  máis vulnerables do Sur.
  3. Os grandes principios do ben común, do respecto, da xustiza ou da solidariedade quedan relegados e, con eles, as vítimas da pobreza, a crise medioambiental e as pandemias globais.

O lema da xornada de Mans Unidas “Contaxia solidariedade para acabar coa fame”, recórdanos a situación daqueles que padecen no mundo por culpa da fame e fai un chamado ao compromiso de todos. A pandemia castiga o noso ego autosuficiente, esperando que a nosa sensibilidade descubra as inxustizas que padecen polo mundo adiante milleiros de persoas. Eu son dos que pensan que estes tempos son un chanzo para mellorar como persoas e para mudar as cousas.

Naquel tempo, acercóuselle un leproso a Xesús, e rogoulle de xeonllos: — Ti, se queres, pódesme limpar. Xesús, estremecido, estendeu a man, e tocouno, dicindo: — Pois quero, queda limpo.

Hoxe os famentos do mundo berran de xeonllos reclamando un chisco de atención. Eles chaman por quen pode remediar as súas doenzas: “Ti, se queres, pódesme limpar”. Os nosos irmáns desfavorecidos agardan que nos estremezamos e que estendamos a man para restituír a súa dignidade ferida. Rachemos dunha vez o confinamento mental para dar abrazos de esperanza aos máis pobres. Poñámonos do lado dos que menos teñen e contaxiémolos co virus da solidariedade.

Comeza a recuperación!

Pin It