Hoxe situámonos unha vez máis perante María, Virxe e Nai. Nela destaca a capacidade de atención e escoita. Atenta dende moi nena ás cousas de Deus, dócil e receptiva, obediente e discreta. Imaxinamos a María nun ambiente privilexiado, doméstico, onde abunda a gratuidade cun intenso aroma a sagrado. A palabra de Deus resoa polos recunchos e invita a manter un trato íntimo e persoal. Unha mociña adobiada de virtudes e serenidade que gusta do trato familiar con Deus.

As cousas non se improvisan, non pasan porque si, a historia de cada persoa deixa fondas pegadas. Na face do corazón atopamos sucos labrados pola providencia que non deixa de falar. E Deus, que enche todo co recendo máis agradable, convértese nun supercotaxiador de alegría: “alégrate chea de gracia”.

A palabra Nai agocha o misterio da vida e oriéntanos cabo do sentido certo da plenitude en Deus.  Deus bendiciunos co agasallo das nosas nais que son imaxe de graza e unión eterna.

María, Nai de Deus e nosa, faise grande na fe para collernos da man e axudarnos neses primeiros pasos de criaturas  novas. Vocación por excelencia a das nais que gardan no seu íntimo un retrato da impronta dos fillos. Ri ou chora o fillo, asemade a nai. Poderiamos dicir que elas sofren unha especie de mal mimético, de confusión biolóxica materno-filial. María sempre aparece en escena moi preto de Xesús. A concepción inmaculada e o nacemento do neno, o anuncio do Reino e a cruz, ate a mesma resurrección, manifestan unha complicidade extraordinaria.

A festa da Inmaculada fainos mirar cara dentro para descubrir que Deus actúa nas nosas vidas, “porque para El non hai imposibles”. A figura de María prolongase na igrexa en cantos entoan o mesmo canto de fidelidade e obediencia a Deus, “aquí está a escrava do Señor”. Xa sabedes, o anxo de Deus agarda unha resposta, conta co voso si.

Que María, Nai Inmaculada, interceda por nos.

Pin It