Lembro unha obra mestra do sétimo arte que cativa dende o minuto un até o derradeiro. Trátase dun avó que lle le un conto ao seu neto enfermo. A Princesa Prometida dálle título a unha historia chea de amor verdadeiro, envexas, loitas e vinganzas que encerellan ao espectador-lector nunha aventura inesquecible. Os contos emocionan a mancheas, nunca cansan e sempre sorprenden, non envellecen e son fonte de ensinanza para os que seguen crendo nas fadas. Moza e mozo, a fermosa Buttercup e o tenaz Westley, protagonistas do filme, guiados polo seu amor único e verdadeiro, superan cantas contrariedades xorden para vivir xuntos. A frase final coa que remata o filme non deixa de emocionar a pequenos e grandes: “Houbo cinco grandes bicos que foron catalogados como os máis puros, os máis intensos, os máis apaixonados de todos os tempos... O primeiro bico entre Buttercup e Westley superounos a todos...” Dende sempre gústanme as historias con final feliz que fan suspirar.

“Ai, se rachases o ceo e baixases!” O advento, tempo que precede ao Nadal, pronunciase entre suspiros por aquel que estrañamos. A historia de quen espera non leva puntos suspensivos, escríbese cun punto final e entre admiracións de sorpresa. O advento emprázanos a apoteose final dun encontro que realiza no amor. O advento ten son de suspiro. Advento é tempo de suspirar, de emitir saloucos cheos de nostalxia que mudarán por sorrisos dentro dun final feliz.

“Estade á espreita e atentos, que non sabedes cando será o momento. Vixiade vós, polo tanto, pois non sabedes cando chegará... Non vaia ser que chegue de repente vos atope durmindo.”

Outro conto tradicional é o da Bela Dormente. Unha moza que por picarse co fuso cae baixo os efectos dun meigallo pronunciado por unha bruxa malvada. A maldición que sofre súmea nun sono profundo que ha durar cen anos. A princesa espertará cando alguén de corazón puro e nobre bique os seus beizos.

Durmir, esquecerse, enredar, distraerse, perder o fío, evadirse, liscar... Certo é, coma no conto, un feitizo de procedencia sinistra atorde a nosa percepción prostrándonos nun leito calmante de sono e deixamento.

Enfociñamos e batemos co fuso por culpa da indiferenza, da vaidade ou do ritmo egoísta e consumista que nos marca a sociedade. Durmidos coma lirios agardamos un chispazo que nos reactive, unha chamada que nos devolva a consciencia, un bico cheo de amor que roce a nosa meixela e nos incorpore á vida. Agardamos polo Señor que ven, chegará a súa tenrura e nela permaneceremos bulideiros.

“Dígollo a todos: Estade en vela!”

Unidos no esforzo de ter os ollos abertos namentres agardamos a chegada de Deus. Todos a espreita, moi pendentes das dificultades do próximo, deixándonos interpelar polas súas necesidades. Se mantemos esta actitude iremos pasando as páxinas da nosa vida para ler aquel epílogo de “e foron felices e comeron perdices”.

Colorín, colorado, este conto acabou.

 

Pin It